O Guardés continúa sólido á fronte da Liga Iberdrola de balonmán
O Guardés continúa sólido á fronte da Liga Iberdrola de balonmán
Sumou un novo triunfo na pista do Elda e sácalle un punto ao Málaga a unha xornada para o final da primeira volta
O Porriño xogará a vindeira fin de semana a eliminatoria da EHF European Cup
O Mecalia Guardés segue á fronte da Liga Iberdrola de balonmán logo de sumar a undécima vitoria nas doce xornadas disputadas. A un partido para o remate da primeira volta as do Baixo Miño manteñen a primeira posición por diante do Costa do Sol Málaga.
Na pista do Elda volveron demostrar a solvencia coa que afrontan cada partido. Gañaron por 18-26 cunha gran actuación de Jazmin Mendoza (6 goles) e sen notar a baixa da súa estrela, Cecilia Cacheda. O partido mantívose igualado ata o inicio do segundo tempo cando o Mecalia apertou o acelerador e conseguiu marchar de cinco goles (15-20), unha diferenza que xestionou á perfección.
Compromiso europeo do Porriño
O Conservas Orbe Zendal Porriño tamén gañou de malleira o seu partido diante do Xixón (30-14) e rematará a primeira volta na pista do Morvedre entre semana xusto antes de afrontar o dobre compromiso da EHF European Cup diante do rival austríaco. Os dous partidos xogaranse en terras galegas coa vista posta en chegar á cuarta eliminatoria nesta primeira participación europea da historia.