O hospital de Ourense vive o domingo de Entroido con larpeiradas e baile
O hospital de Ourense vive o domingo de Entroido con larpeiradas e baile
Unha escola de danza organizou un baile no patio do CHUO
O domingo de Entroido tamén se festexou no hospital de Ourense.
"Estamos aquí para traer un pouco de cor aos pacientes hospitalizados e aos profesionais", asegura Belén Piñeiro, xefa de atención ao paciente e humanización do CHUO.
Coa colaboración de asociacións de doentes repartíronse larpeiradas polas unidades do centro.
"Cando un está ingresado son momentos complicados e traer un pouco de alegría e humanizar o espazo no que nos sentimos tan vulnerables é importante", explica Carmen Dorado, da asociación Alcer Ourense.
Un cento de persoas, alumnado e profesorado, dunha escola de danza da cidade organizaron un baile no patio do hospital.
"Viñemos aquí ao hospital a traer un pouco de alegría, de baile e de cor á xente que está ingresada e que non pode gozar do carnaval, e aos traballadores. Esperamos que vos guste moito", di Leticia Nogueira, da escola de danza Cuatro pasos.
E houbo baile tamén nunha zona de hospitalización pediátrica.