O impacto da inflación na cesta da compra, por María Loureiro
O impacto da inflación na cesta da compra, por María Loureiro
A inflación segue desbocada, e malia a reducción do IVE en moitos produtos alimenticios
As condicións meteorolóxicas desfavorables contribuíron a unha baixada da produción
O anuncio do Instituto Nacional de Estatistica (INE) indicaba que, en efecto, a inflación segue desbocada, e malia a reducción do IVE en moitos produtos alimenticios, o índice de prezos ao consumo subiu en febreiro nun 0,1 con respecto a xaneiro, chegando a unha inflación interanual de 6 %, fronte ao 5,9 % de xaneiro.
O INE atribúe a repunta da inflación en febreiro principalmente ao aumento dos prezos dos alimentos, sobre todo dos frescos. As leguminosas e hortalizas, xunto coas froitas frescas, experimentaron unha redución específica da oferta, como consecuencia dunhas condicións meteorolóxicas desfavorables que contribuíron a unha baixada da produción, que, xunto coa forte demanda nacional e internacional, provocou un aumento dos prezos.
Os alimentos e bebidas non alcohólicas experimentaron un incremento interanual do 16,6 % en febreiro, a taxa máis alta desde xaneiro de 1994, destacando aumentos do azucre do 52,6 %, do leite do 33,1 %, dos aceites do 32,9 % e das leguminosas do 23,6 %.
En febreiro tamén se viu un aumento dos prezos da electricidade, o que levou a vivenda a subir a unha taxa do 3 %, fronte ao descenso rexistrado o ano pasado e ao descenso dos combustibles.
Porén, un dos puntos máis preocupantes dos datos que se coñecen hoxe é a evolución da taxa subxacente (que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos), que tamén se incrementou nunha décima, ata o 7,6 % ano, a taxa máis alta desde decembro de 1986, a pesar de ser unha décima menos que a taxa de datos anticipados.
Este incremento do núcleo vén a transmitir a idea de que a inflación se manterá un tempo na economía española, o que podería atrasar as previsións de moderación nos próximos meses.
Que facer?
Controlar a inflación é complexo. E neste senso o caso dos alimentos é un tanto paradoxal, pois malia a reducción do IVE en moitas categorías, o seu prezo segue subindo. Son varias as razóns que explican por que os alimentos experimentaron un importante aumento de prezos en España nos últimos anos, e non todas elas están relacionadas coa demanda:
- Primeiro, un aumento dos custos de produción: os custos de produción de alimentos, como enerxía, fertilizantes, pensos e transporte, aumentaron en todo o mundo debido á inflación e ao aumento dos prezos das materias primas. Isto trasládase na canle de produción e distribución ata chegar ao consumidor final.
- Segundo, problemas climáticos, como a seca e as inundacións, afectaron á produción de alimentos nalgunhas rexións de España, o que reduciu a oferta e provocou un aumento dos prezos.
- Terceiro, o aumento da demanda mundial, en especial o aumento da demanda de alimentos nos países en desenvolvemento, como A China e A India, xerou un aumento dos prezos dos alimentos en todo o mundo.
En resumo, o aumento dos prezos dos alimentos en España débese a unha combinación de factores, e non debemos esquecer o impacto climático, que parece que se agudizará máis ca nunca nos vindeiros anos.
Que medidas tomar?
Parece obvio que hai incrementos de prezos que veñen para quedars. Dende a perspectiva pública fálase de que o goberno debe deseñar políticas públicas alimentarias efectivas, especialmente útiles para que as familias vulnerables non sufran. E a modo de exemplo, podemos ver o caso francés e o caso de América do Norte.
Xa dede 2011, a cesta de alimentos regulada (panier de produits de première nécessité) é unha lista de produtos alimenticios básicos que están suxeitos á regulación de prezos polo goberno francés. A lista inclúe alimentos esenciais como pan, leite, ovos, azucre e aceite, entre outros. Cada súper elixe os seus produtos, pero como mínimo teñen que conter carne ou peixe e mais outros produtos frescos.
Os prezos dos produtos da cesta alimentaria regulada son fixados polo goberno en consulta cos representantes da industria, e son revisados periodicamente para garantir que sigan sendo accesibles para os consumidores. Os comerciantes están obrigados a cumprir estes prezos, o que contribúe a evitar o aumento dos prezos e a garantir que estes produtos esenciais sigan sendo accesibles a todos os consumidores.
Nos EUA, porén, non se limitan os prezos, senón que se transfiren rendas aos consumidores. O programa dos food stamps ou cupóns de alimentos, tamén coñecidos como o Programa de Asistencia Nutricional Suplementaria (SNAP) nos EUA, son unha forma de asistencia do goberno, que ofrece ás persoas e familias de baixos ingresos apoio financeiro para comprar alimentos.
Os cupóns de alimentos funcionan proporcionando ás persoas que reúnan os requisitos unha tarxeta de débito que se pode usar para comprar alimentos nos supermercados e venda polo miúdo participantes. A cantidade de apoio proporcionado baséase nos ingresos, o tamaño do fogar e outros factores, e está deseñada para garantir que os fogares teñan acceso a alimentos nutritivos suficientes para satisfacer as súas necesidades.
Os cupóns de alimentos pódense usar para comprar a maioría dos alimentos, incluíndo froitas e verduras, carne e aves, produtos lácteos, pan e cereais e bebidas non alcohólicas. Non se poden utilizar para mercar artigos non alimentarios como artigos de hixiene ou alimentos para animais.
O obxectivo dos cupóns de alimentos é axudar a paliar a fame e a inseguridade alimentaria entre persoas e familias con baixos ingresos, e esta é unha das ferramentas máis exitosas coas que contan nos UEA a este respecto.
Dende a perspectiva privada, como consumidores de a pé, teremos tamén que pensar máis en facer unha compra ordenada, en crear menús semanais para reducir o consumo superfluo, e evitar o desperdicio alimenticio, que segue a ser un problema moi considerable na situación actual. En fin, teremos que unir tanto esforzos públicos como privados para superar esta escalada de prezos que parece non ter teito.