O impacto dun raio provoca o incendio dunha casa en Cerdido
O impacto dun raio provoca o incendio dunha casa en Cerdido
A parella que durmía no interior conseguiu escapar por unha ventá do primeiro piso
A caída dun raio provocou un incendio nunha casa do lugar da Gangoa, en Cerdido. As lapas estendéronse con moita velocidade e deixaron atrapada a parella que durmía no primeiro piso. Coa axuda do irmán dela e dunha escada, finalmente conseguiron escapar do lume a través da ventá do dormitorio.
"Eran as seis ou as seis e media da mañá. Escoitamos un trono e pareceunos que caera algo da parte de arriba da casa. Eu erguinme e ao momento chamou a miña irmá para pedirme que lles levase unha escada porque non podían saír da casa", explica Víctor Pazo, que vive na casa contigua á da súa irmá.
Dous cuartos arderon por completo e toda a casa quedou afectada polas lapas e o fume. O incendio comezou na cociña e deseguida alcanzou o cuarto no que durmía a parella, alimentado co material de poliuterano das paredes.
"En tres minutos saía o lume por todos os recunchos", lembra Víctor.
A parella recupérase do sobresalto na casa del en Ferrol.