O incendio de Castrelo de Miño afectou ao tendido entre Barral e Noallo
O incendio de Castrelo de Miño afectou ao tendido entre Barral e Noallo
Contra as dez da noite cando o avance do incendio obrigaba a decretar a situación 2 na aldea dos Pereiros, no concello de Cartelle
A situación mellorou algo nas últimas horas. Segundo as estimacións de Medio Rural, o incendio de Castrelo de Miño afecta xa a preto de 150 hectáreas
Foi contra as dez da noite cando o avance do incendio obrigaba a decretar a situación 2 na aldea dos Pereiros, xa no concello veciño de Cartelle. O lume comezou pola tarde na parroquia de Barral, en Castrelo, e foi subindo ata chegar a Cartelle.
Polo camiño afectou o tendido eléctrico de varias aldeas e mesmo obrigou a cortar a estrada para intentar frear o avance das lapas. Mellorou a situación de madrugada e os veciños puideron volver ás súas casas, pero o incendio segue activo e os medios aéreos e terrestres traballan na súa extinción.
Ata Castrelo de Miño desprazouse tamén a BRIF de Laza para participar nas tarefas de extinción do incendio.
Iso dende o aire, e dende terra unha enorme columna de fume visible dende varios puntos da provincia de Ourense daba idea do avance do lume, que comezou en Castrelo, na parroquia de Barral, e en apenas hora e media chegaba xa ao concello lindeiro de Cartelle.
Neste núcleo dos Pereiros o lume quedou á porta das casas e durante unhas horas houbo que decretar a situación 2.
No seu camiño monte arriba dende Castrelo o incendio afectou o tendido entre Barral e Noallo de Abaixo. Aquí houbo tamén que cortar a estrada. Durante a noite e coa retirada dos medios aéreos as brigadas traballaron intensamente para controlar o perímetro e intentar frear o avance das lapas.
A situación mellorou algo nas últimas horas, pero coa luz do día fanse evidentes as consecuencias do lume. Arestora numerosos medios permanecen alerta na zona para evitar posibles reproducións.
Castrelo e os seus arredores permanecen agora baixo unha mesta capa de fume. Segundo as últimas estimacións de Medio Rural, o incendio afecta xa a preto de 150 hectáreas.