Controlado o incendio intencionado de Crecente, que deixa 170 hectáreas calcinadas
Controlado o incendio intencionado de Crecente, que deixa 170 hectáreas calcinadas
O vento complicou as tarefas dos servizos de extinción para estabilizar e controlar o perímetro
Segundo os últimos datos de Medio Rural, todo indica que foi intencionado
O incendio do concello pontevedrés de Crecente está estabilizado e controlado vinte e catro horas despois do inicio das lapas. O vento complicou moito as tarefas dos servizos de extinción, que traballaron todo o día para estabilizar e controlar o perímetro e evitar que as lapas se reavivasen. Foi un día complicado na parroquia de Angudes e todo apunta a que o incendio foi intencionado, xa que tiña catro focos.
"O incendio fixo moitas linguas, con catro puntos diferentes, afectou a varias parroquias, e varios deses puntos xuntáronse nun mesmo incendio", di o director técnico da extinción.
Na zona non hai vivendas e non houbo que lamentar danos persoais. Ao lugar do incendio desprazáronse medios de extinción terrestres e aéreos das catro provincias, segundo informou a Consellería do Medio Rural.
Na zona traballaron tres técnicos, 28 axentes, 51 brigadas, 23 motobombas, dous avións e catro helicópteros.