O incendio dunha casa de Tordoia deixa sen fogar unha familia con dous nenos
O incendio dunha casa de Tordoia deixa sen fogar unha familia con dous nenos
Os servizos sociais aloxáronos provisionalmente nunha vivenda municipal
Non estaban na casa cando comezou o lume
Aínda se descoñece cal foi o foco do lume que desfixo a vivenda, situada no lugar de Tibiáns. A familia non estaba na propiedade no momento do incendio e foron os únicos veciños que teñen os que se decataron do que estaba pasando.
"Escoitamos renxidos e ao ir alí xa vimos que non estaban os coches delas. Vin que había lume, chameinas e tamén á policía local e aos bombeiros, pouco máis podiamos facer".
"Cando chegamos xa caera o tellado, pouco que facer tiñamos nós", explican os veciños.
Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Ordes, pero o lume xa calcinara todo o piso de arriba e provocara o colapso do tellado.
"Os bombeiros de Ordes traballaron con mangueiras e dúas motobombas e lograron controlar o incendio e salvar o piso de abaixo", explica Alberto Cancela, policía local de Tordoia.
"Elas chegaran hai pouco tempo, traballaron moito na casa, fixeron ata de albaneis, e veulles a mala sorte e ardeu todo", lamenta o veciño.
A familia, que ten dous meniños de dous e catro anos, foi aloxada polo servizos sociais nunha vivenda municipal. Antes pasaron pola casa, acompañados dunha cuadrilla que lles axudou a retirar as pertenzas que se salvaron do lume.
"O Concello deulles unha solución provisional, están xa instaladas nunha vivenda que ten o municipio para casos de emerxencia social", comenta o axente da Policía Local.
Hai tan só dous anos que mercaran a casa e se instalaran na aldea para criar os nenos. Son unha familia moi querida na zona e os veciños agardan que, coa axuda de todos, regresen pronto ao seu fogar.