O incendio no parque natural do Xurés queimou xa 560 hectáreas
O incendio no parque natural do Xurés queimou xa 560 hectáreas
21 avións e helicópteros e un amplo dispositivo en terra tenta frear o avance do lume
O incendio de Lobeira xa acadou unha dimensión que impresiona. O parque natural da Baixa Limia Serra do Xurés, arde desde as 21:30 horas do mércores. Segundo informa Medio Rural o lume xa afecta a 560 hectáreas.
NOVA estimación da superficie afectada polo #IFSanXesLobeira: 560 hectáreas
— incendios 085 (@incendios085) August 26, 2022
Onte, unha néboa mesta impediu traballar nas primeiras horas do día os medios aéreos e o lume avanzou sen control a pesar dos traballos das brigadas en terra.
Cando levantou despregouse na zona un amplo dispositivo. Dez avións e once helicópteros descargaron auga sen cesar para frear o avance das lapas.
"Hai moito lume, andan todo o tempo apagando pero non dan apagado porque é moito monte", di unha veciña de Lobeira.
"O dispositivo está funcionando sen parar pero vemos que o lume non diminúe, cada vez vai a máis. Hai moito vento e xa pasou para o monte dos outros veciños e eu que sei se vai para Portugal", explican.
"É todo xesta e arde moito", apunta unha muller.
O lume comezou sobre nove da noite do mércores en Senderiz e as sete da tarde deste xoves a superficie queimada superaba xa as 400 hectáreas. Os veciños non ocultaban a súa preocupación.
"Con moito medo porque hai anos case nos arderon as casas", di unha muller maior de Senderiz.
Os veciños sitúanse nos outeiros para ver cara onde vai o lume por se cren prudente abandonar a aldea.
"Reaccionamos con moito medo porque ao ser unha zona de moito monte tivemos medo de que baixara á aldea", conta unha muller, xa máis tranquila porque parece que ese perigo desapareceu.
Aínda que o parque natural se viu afectado por moitos incendios, os veciños din que había tempo que non había lume tan virulento nesta zona.
"Hai 22 anos tamén tivemos un incendio destas características, pero este é horrible porque apagan nun sitio e prende en outro", asegura unha veciña.
En Senderiz hai quen asegura que o lume comezou preto dunhas torres de alta tensión pero descartan que fora un raio porque non houbo treboadas.
O dispositivo terrestre continuará traballando cando se retiren os medios aéreos. O ser unha zona moi ampla farán contralumes con maquinaria para frear o avance do incendio.