Publicador de contidos
Publicador de contidos

O IPC baixa ao 3,2 % en novembro e o prezo dos alimentos modera o seu crecemento ao 9 %

O IPC baixa ao 3,2 % en novembro e o prezo dos alimentos modera o seu crecemento ao 9 %

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) baixou sete décimas en novembro, ata o 4,5 %, a máis baixa desde abril de 2022

A inflación moderouse tres décimas en Galicia

G24.gal 14/12/2023 09:12 Última actualización 14/12/2023 10:40

O Índice de Prezos de Consumo baixou un 0,3 % en novembro en relación ao mes anterior e recortou tres décimas a súa taxa interanual, ata o 3,2%, debido ao abaratamento dos carburantes, os paquetes turísticos e os alimentos, que moderaron o seu crecemento medio punto, ata o 9 %.

Esta evolución débese, segundo Estatística, á baixada dos prezos do pan e os cereais e do leite, ovos e queixo, e a que os prezos da carne subiron en novembro deste ano menos do que o fixeron en igual mes de 2022. Por contra, os legumes e as hortalizas subiron de prezo no penúltimo mes do ano, segundo os datos definitivos do IPC publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística, cos que se confirman os avanzados a finais do mes pasado e tamén a subida que experimentarán as pensións contributivas en 2024, do 3,8 %, como resultado da media de inflación ata novembro.

Coa moderación da súa taxa interanual en novembro, a inflación volve rexistrar descensos despois de permanecer ancorada no 3,5 % durante os últimos dous meses e cae ao seu menor nivel desde o pasado mes de agosto, cando se situou no 2,6 %.

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) baixou sete décimas en novembro, ata o 4,5 %, a máis baixa desde abril de 2022, cando se situou no 4,4 %.

O Ministerio de Economía subliñou nun comunicado: "Grazas ás medidas de política adoptadas polo Goberno, a inflación xeral mantén a súa senda descendente ao longo do ano, e permite que os salarios sigan gañando poder adquisitivo e as empresas españolas unha maior competitividade  e que aumenten a súa cota de mercado, mesmo no complexo contexto internacional".

En termos mensuais (novembro sobre outubro), o IPC rexistrou un descenso do 0,3 %, o seu maior retroceso mensual desde setembro de 2022, cando baixou un 0,7 %. Con esta caída, a inflación pon fin a cinco meses consecutivos de alzas mensuais.

A inflación moderouse tres décimas en Galicia

A inflación moderouse tres décimas en novembro en Galicia, tanto no índice xeral como no grupo dos alimentos, de modo que os prezos subiron o pasado mes respecto ao mesmo período do ano anterior un 3,3 % e un 9,6 %, respectivamente.

A moderación dos prezos xeral produciuse pola caída no grupo vivenda, que engloba a electricidade, e tamén dos carburantes, aínda que máis moderada. Os prezos, deste xeito, sitúanse unha décima por encima da media nacional no índice xeral, e seis décimas máis caros no grupo de alimentos.

Os alimentos subiron en novembro un 9,6 % respecto ao mesmo mes do ano anterior, seis décimas máis respecto ao mes de outubro. A outra subida significativa produciuse no grupo de vestido e calzado, 4,7 % máis que o mes de outubro e un punto máis nos últimos doce meses.

No último ano, os prezos subiron máis en Galicia nos hoteis, cafés e restaurantes, un 6,4 %; nas bebidas alcohólicas e o tabaco, un 5,7 % ; e as comunicacións, un 3,3 % e o lecer e a cultura, un 2,4 %, grupos que tamén caeron respecto a outubro, unha décima e un punto, respectivamente.

A maior caída de prezos produciuse en novembro no grupo vivenda, 6,9 % menos ca hai un ano e un 1,7 % menos que o mes anterior, o que propiciou a moderación xeral de prezos. Tamén contribuíu o transporte, cunha caída de 1,4 % respecto ao mes anterior, aínda que os prezos son unha décima máis caros que hai un ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade