Publicador de contidos
Publicador de contidos

O IPC baixa ao 3,1 % ao peche de 2023 e o prezo dos alimentos modérase ao 7,3 %

O IPC baixa ao 3,1 % ao peche de 2023 e o prezo dos alimentos modérase ao 7,3 %

O INE confirma que a inflación subxacente baixou sete décimas, ata o 3,8 %, a súa menor taxa desde marzo de 2022

Os prezos creceron un 3,2 % en Galicia en 2023, os alimentos un 7,2 %

O transporte foi o que máis caeu en Galicia (-1,3 %); o lecer e a cultura foron os que máis subiron na comunidade (1,5 %)

G24.gal 12/01/2024 09:29 Última actualización 12/01/2024 16:15

A inflación moderouse unha décima no mes de decembro e a taxa sitúase no 3,1 % debido principalmente ao comportamento do prezo dos alimentos e as bebidas non alcohólicas, que soben un 7,3 %, 1,7 puntos menos que no mes anterior.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este venres o dato de inflación adiantado hai dúas semanas, e mais o da inflación subxacente (sen enerxía nin alimentos frescos), que se moderou 0,7 puntos e se situou no 3,8 %, a taxa máis baixa desde abril de 2022.

Na evolución do prezo dos alimentos inflúe especialmente que o leite, os ovos e o queixo, o pan e os cereais e mais a carne subiron menos que en decembro do ano 2022, mentres que os legumes e as hortalizas baixaron, fronte ao aumento do mesmo mes do ano anterior. 

O ministro de Economía considera que son "moi bos datos", especialmente pola moderación do prezo dos alimentos. Amais, Carlos Cuerpo destaca o bo comportamento da inflación ao longo de 2023, xa que se reduciu máis da metade respecto do ano anterior.

Os prezos creceron un 3,2 % en Galicia en 2023, os alimentos un 7,2 %

A inflación moderouse unha décima no mes de decembro en Galicia e deixou a alza de prezos de 2023 no 3,2 %, unha décima máis que a media do país, mentres que os alimentos creceron o ano pasado un 7,2 %, unha décima menos que no conxunto de España.

Durante o mes de decembro, o principal grupo que moderou á baixa o índice xeral en Galicia foi o de transportes, cunha caída dos prezos do 1,3 %; mentres que tamén baixaron a roupa e o calzado, un 0,9 % e as bebidas non alcohólicas, un 0,2 %.

Subiron no mes de decembro, con todo, os prezos do lecer e a cultura, un 1,5 %, como grupo máis destacado, así como os dos alimentos, 0,2 %; os hoteis, cafés e restaurantes, un 0,4 % e as medicinas, un 0,3 %.

Tamén subiu o pasado mes o grupo vivenda, que inclúe a electricidade, un 0,6 %, o que non impediu que as baixadas durante todo 2023 chegasen ao 6,5 %, o único grupo no que caeron os prezos no conxunto do ano.

En termos anuais, ademais dos alimentos, cuxos prezos creceron un 7,2 %, as maiores subidas rexistráronse nos grupos hoteis, cafés e restaurantes, 6,2 %; transportes, 4,4 %; comunicacións, 3,1 %; lecer e cultura, 2,6 % e bebidas alcohólicas e tabaco, tamén un 2,6 %. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade