O Juan Sebastián Elcano chega a Marín con 82 cabaleiros e damas gardamariñas
O Juan Sebastián Elcano chega a Marín con 82 cabaleiros e damas gardamariñas
O buque escola da Armada completa o 17 de xullo, rumbo a Cádiz, o seu cruceiro de instrución número 96
O ano que vén, a princesa Leonor embarcará no que é un dos buques máis simbólicos da Armada española
Neste buque escola da Armada, botado en 1927, e que hoxe regresou ao porto de Marín para completar o cruceiro de instrución número 96, oitenta e dous gardamariñas volven á casa, a piques xa de rematar o seu terceiro ano de formación.
Levan seis meses de singradura polos océanos Atlántico e Pacífico, en que completaron os seus estudos e representaron a España e a Armada nos portos dos seis países que visitaron.
O gran veleiro vai estar uns días en Marín antes de regresar a Cádiz: vai estar atracado ata o vindeiro mércores día 17 de xullo. Poderá visitarse a partir de mañá sábado, tamén o domingo e o luns.
O martes 16 vai visitar o Juan Sebastian de Elcano a princesa Leonor, que o ano que vén embarca nel como dama gardamariña; nun buque que é o máis emblemático da Armada española. A princesa Leonor asistirá en Marín o día do Carme á entrega de despachos dos novos oficiais da Armada.
En Marín, hoxe no peirao, as familias e amigos dos gardamariñas de a bordo apenas contiñan as emocións. Había impaciencia polo encontro tras seis meses exactos de singradura polo Atlántico e o Pacífico. É un buque con sona mundial, con case 100 anos de historia.
"Esa parte evocadora e histórica que ten o barco, o feito de que navegásemos nel todos os oficiais da Armada que estamos en activo neste momento é con diferenza o mellor. E o reto principal, o máis esixente é a vida a bordo, vivir 250 persoas aquí xuntos", indicou Luis Carreras-Pesas, o capitán de navío que está ao mando do Juan Sebastián Elcano.
Hai 7 mulleres entre os 82 gardamariñas que hoxe desembarcaron en Marín. E historias singulares como a dunha avoa, que saúda con orgullo o regreso existoso do seu cuarto neto a bordo do buque escola da Armada española.