O laboratorio de coca de Cerdedo-Cotobade funcionaba en "réxime de escravitude"
O laboratorio de coca de Cerdedo-Cotobade funcionaba en "réxime de escravitude"
Os oito detidos no chalé, colombianos e mexicanos, traballaban as 24 horas, non podían saír, tiñan retirados os pasaportes e podían chegar a producir uns 200 quilos de cocaína ao día
A policía cre que a organización se instalou na provincia de Pontevedra por un "interese loxístico", pero sen relación coas redes de narcos galegos
"Había oito persoas traballando as 24 horas, 6 colombianos e 2 mexicanos. Estaban illados, sen contacto co exterior, e só os abastecen de alimentos. Unicamente un deles sae e entra e se comunica co exterior". Así explicaba este martes un responsable da investigación policial que acabou co laboratorio de procesamento de cocaína desartellado en Cerdedo-Cotobade o pasado marzo.
"Vivían en réxime de escravitude", sinala o responsable do Greco-Galicia, Emilio Rodríguez Ramos. "Cos pasaportes retirados e sen comunicación exterior, dedicados única e exclusivamente á 'cociña'. Saían pola ventá para fumar, e imaxino que só polo risco que suporía facelo dentro".
Así podían procesar ao día uns 200 quilos de clorhidrato de cocaína, droga xa para ser consumida, a partir de pasta de coca que chegaba a Europa en barcos de mercadorías a través do Porto.
A policía descarta que a organización tivese relación coas redes de narcos galegos e cre que escolleron este lugar para instalar o laboratorio por unha cuestión "puramente loxística" pola súa localización, próximo a Portugal, e ben situado para a distribución, segundo explicou Antonio Duarte, comisario xefe da Brigada de Central de Estupefacientes.
A pasta de cocaína chegaba a Portugal oculta en grandes cilindros de pedra. Para a súa extracción a organización contaba cunha gran máquina que lle permitía picalos, e que lle levaba uns tres días facelo.
Os investigadores detallaron este xoves en conferencia de prensa a forma en que funcionaba a organización, que ata contaba cunha "oficina" en Madrid para asuntos puramente contables e dotar de liquidez á rede.
Os españois implicados serían uns cidadáns canarios, e que poñerían a loxística para facer chegar a pasta base, mentres que mexicanos e colombianos serían os xefes da organización e os que achegarían os "cociñeiros" do laboratorio.
Cre a policía que este laboratorio é "o maior en activo detectado en Europa" e "probablemente o maior detectado fóra dos lugares tradicionais de produción".
En canto a propia operación policial, Alejandro Martín, xefe da sección de sintéticos e precursores da Policía Nacional, explicou que o asalto ao chalé de Cerdedo-Cotobade realizouse cunha unidade dos GEOS, e de noite, "por seguridade porque ao estar no campo había risco de ser detectados". "Non houbo resistencia nin se atoparon armas", aclara o investigador policial, "víronse sorprendidos porque non pensaban que puidésemos chegar a aí".
A operación permitiu a incautación de 1.300 quilos de pasta base de cocaína, o maior comiso realizado en Europa, e a detención de 18 persoas.
Os investigadores constatan unha nova tendencia no tráfico de drogas: expórtase a substancia sen ser tratada e posteriormente procésase en laboratorios instalados en Europa, o que se fai principalmente "para aforrar custos e por seguridade", sinalou Alejandro Martín.
"Hai tanta produción de cocaína en Colombia, e na pandemia acumulouse moita droga, e as organizacións necesitan sacala, ben como clorhidrato como pasta base", afirmou Antonio Duarte.
Desde a Policía Nacional destacan que esta operación na que tamén participou a policía colombiana e portuguesa é un "éxito da colaboración internacional".
De feito, un responsable da Polícia Judiciária lusa, relatou que en Portugal había unha investigación en curso. "Poderíamos facelo nós, pero os resultados non serían os mesmos", explicou, xa que de deter a entrada da pasta de cocaína no Porto non se chegaría a dar coa organización nin con este laboratorio.
Outro dos aspectos que tamén destacaron os investigadores é a medioambiental, xa que o laboratorio empregaba grandes cantidades de produtos químicos para procesar a droga, que unha vez usados eran desbotados e tirados ao río. "Xa en Colombia é unha das grandes preocupacións das autoridades", salientou Alejandro Martín.