O leite cru en orixe sobe máis dun 8 por cento e arrastra os seus derivados
O leite cru en orixe sobe máis dun 8 por cento e arrastra os seus derivados
O seu prezo supera xa os 48 céntimos o litro
O motivo é unha nova caída na produción. Só o mes pasado recolléronse 13.000 toneladas menos de leite en Galicia.
A última suba no prezo do leite vai afectarlles aos seus derivados, como os queixos ou a nata. O prezo medio do leite en cru en orixe xa supera os 48 céntimos, e os consumidores xa comezaron a mudar os seus hábitos.
"Prescindo do leite, collo cousas de soia e os iogures vou polos máis baratos", conta unha moza. Nesta escalada de prezos tamén está o leite fresco. Desde que comezou a crise subiu dez céntimos o litro, unha suba máis modesta para protexer o cliente.
"Pensar no consumidor, no noso caso tamén traballamos coa hostalería, estamos intentando aguantar", conta Chelo López, propietaria dunha explotación especializada en leite fresco e queixos.
Porque para cubrir os gastos da súa produción polo menos debería subir outros 15 céntimos máis. "Temos que pensar en reducir rutas, ves perigar o que fixeches durante tantos anos, e non sabes canto vai durar isto", engade Chelo López.
Aínda así, a maior suba segue a estar no leite esterilizado ou de cartón. O seu prezo duplicouse fronte ao das outras variantes. "Nós mercamos moita marca branca", di unha consumidora, ao que outra engade: "O leite carísimo".
E seguirá subindo, porque segue caendo a produción. O último mes recolléronse 13.000 toneladas menos de leite.