Granxas de Arzúa reparten queixo fresco no campo de fútbol para non tirar o leite
Granxas de Arzúa reparten queixo fresco no campo de fútbol para non tirar o leite
As granxas xa recibiron a notificación de que non lles van recoller o leite a semana que vén
Os gandeiros insisten en que os animais non son unha cadea de produción que poida parar
O sábado de partido no Campo do Viso foi tamén xornada reivindicativa para o sector gandeiro de Arzúa, que quixo dar mostra da crise que están a vivir e de como lles afecta ademais a folga do transporte. Saben que este luns non van ter recollida do leite, como relataba María Pérez, da granxa Fidalgo.
"Cara á semana que vén a notificación é que non van recoller o leite ata novo aviso. Parece ser que non teñen envases e entón así estamos, tirando e facendo queixo".
Por iso acordaron levar o leite ao campo de fútbol para repartilo alí, facer queixo fresco e de paso axudar o equipo.
"Temos un directivo gandeiro e ten os tanques cheos de leite, así que xurdiu esa idea: que imos facer co leite? Non se pode tirar porque contamina, pois facemos uns queixos, o día do partido. Saíu así, e veu a xente por leite, e agora estamos laborando para facer os queixos".
"Aquí todo o mundo vive directa ou indirectamente das vacas, e xa non é o problema que teñen todo o resto de persoas, que tamén o temos, é que enriba temos que tirar o leite. E é unha cousa que non podemos parar porque non podemos dicir, pechamos. Nin en vez de coller as vacacións en agosto dicir, collémolas agora, pechamos 15 días. Non, a vaca que perde a produción non recupera a produción. Non podes nin deixalas sen comer como é debido, nin deixar de muxilas, tes que facer o mesmo traballo".
Saben que a solución que lles deron a estes 1.000 litros de leite é anecdótica, o que non saben é que van facer coa muxidura de hoxe ou coa de mañá.