O libro de texto dixital nas aulas galegas, entre a polémica e a defensa de E-Dixgal
O libro de texto dixital nas aulas galegas, entre a polémica e a defensa de E-Dixgal
A Xunta defende o seu modelo e aposta por seguir mellorando contidos e seguridade
Nestes momentos hai versións encontradas no eido internacional sobre a súa eficacia
O debate sobre o libro dixital nos colexios está máis vivo ca nunca. En Galicia hai centros educativos urbanos que o dan de baixa mentres algúns do rural apúntanse a E-Dixgal nun intento de evitar a fenda dixital. A polémica tamén está viva no ámbito internacional e un país como Suecia decidiu cortar radicalmente e eliminar o libro electrónico das aulas.
Na Xunta seguen defendendo o seu modelo e a libre elección:
"Foron máis de 70.000 os alumnos avaliados nun estudo e as conclusións son que non existen diferenzas significativas entre os alumnos que cursan con E-Dixgal ou non os seus estudos, tanto de primaria como de secundaria, en termos de resultados académicos", sinala Judith Fernández Novoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
Desde Educación din que informes externos como PISA tamén apuntan nesta mesma liña. Ademais, sinalan que E-Dixgal está en proceso de mellora permanente, incluíndo a seguridade dixital dos alumnos.
"Levamos xa tempo traballando na mellora dos contidos, na mellora da prestación, do uso do que é a ferramenta. É moi importante a formación do profesorado e para iso imos poñer en marcha unha liña de formación específica de ensino dixital para os docentes que empregan E-Dixgal", indica Fernández Novoa.
Algúns países defenden abertamente o ensino dixital, noutros recobran protagonismo os libros de texto en papel e a escritura a man. Parece evidente que o debate neste tema persistirá durante anos.