O litro de leite enteiro subiu o 50 % de prezo nos últimos dous anos
O litro de leite enteiro subiu o 50 % de prezo nos últimos dous anos
De media, pagamos por el un euro con dez céntimos o litro
Nos últimos dous anos o litro de leite enteiro no supermercado subiu un 50 %. De media, pagamos por el euro con dez céntimos o litro. A organización de consumidores OCU da este dato no seu último informe ,pero tamén di que mellorou a calidade das marcas que mercamos: en ningunha atoparon ingredientes engadidos que si lles apareceron noutras análises anteriores, como auga ou leite en po mesturado co leite real; e tampouco detectaron problemas de hixiene. Ademais, 11 das 37 marcas analizadas son de moi boa calidade.
Kepa Loizaga, da Organización de Consumidores e Usuarios, di que se o litro de leite enteiro no 2021 estaba a 0,70 agora xa está a 1,06. Falamos dunha suba do 50 por cento en dous anos que, para a OCU, sitúa o litro de leite enteiro en máximos históricos. Un incremento que non pasa desapercibido para a maioría dos consumidores. "Vaia si subiu" di unha veciña de Lugo á saída dun supermercado.
Da análise realizada pola OCU despréndese un dato positivo, e é que constataron a mellora xeral na calidade do leite enteiro. Nada disto repercute nos produtores da materia prima. José Manuel Torrón, gandeiro, di que a mellora na materia graxa e en proteína depende da calidade do propio leite. "Se de aquí non sae calidade... da industria non pode saír calidade. E na tenda sobe e a nós báixanos. É unha cousa que non se entende moi ben".
Kepa Loizaga, da Organización de Consumidores e Usuarios, di que subiu o litro un 50 %, pero que, pola contra, aumentou a diferenza do que pagan ao gandeiro co prezo que ten nos estantes do supermercado.
A OCU pide ao Ministerio de Agricultura que vixíe os custos do proceso de transformación e venda ao público do leite.