Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Louvre e o palacio de Versalles reabren tras recibiren ameazas de bomba

O Louvre e o palacio de Versalles reabren tras recibiren ameazas de bomba

A cidade de Arrás rende tributo ao mestre Dominique Bernard, asasinado o venres por un mozo islamita ruso-checheno

Francia elevou ao máximo a súa alerta terrorista Francia elevou ao máximo a súa alerta terrorista
G24.gal 15/10/2023 12:21 Última actualización 15/10/2023 13:08

O museo do Louvre e o palacio de Versalles reabriron este domingo nunha xornada na que a cidade de Arrás rende tributo ao mestre Dominique Bernard, asasinado o venres polo islamita ruso-checheno Mohamed Mogouchkov.

Ambas as dúas institucións, que reciben varios miles de visitantes diarios, anunciaron nas súas redes sociais a reapertura no horario habitual tras seren evacuadas e pechadas por senllas ameazas de bomba falsas.

Tamén este sábado, polo mesmo motivo, tivo que pechar por un tempo a concorrida estación de tren parisiense Gare de Lyon.

Francia elevou ao máximo a súa alerta terrorista tras o asasinato a coiteladas dun docente no instituto público Gambetta de Arrás, que lembrou o do mestre Samuel Paty hai tres anos. Ata este luns, o Goberno despregou ata 7.000 soldados da operación Sentinella.

O ministro do Interior de Francia, Gérald Darmanin, deu a entender que o ataque da milicia palestina de Hamás contra Israel puido inspirar o atentado do venres e constatou que "hai unha atmosfera xihadista" no país, no que morreron 272 persoas polo terrorismo islamita desde 2012.

Homenaxe

Respecto á homenaxe deste domingo en Arrás, centos de persoas reuníronse no centro da cidade para lembrar o profesor de letras francesas Dominique Bernard, de 57 anos, que deixa tres fillos.

"Non hai palabras para cualificar este acto bárbaro, non hai palabras para rebaixar a dor", manifestou o alcalde de Arrás, o conservador Frédéric Leturque.

De momento, Mohamed Mogouchkov, que se negou a declarar, e outras dez persoas, a maioría familiares directos do mozo, seguen baixo custodia policial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade