Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Lugo despídese da Copa nas Gaunas

O Lugo despídese da Copa nas Gaunas

Os de Trashorras perden ante o Logroñés con dous erros na súa propia área

G24.gal 18/05/2024 19:59 Última actualización 18/05/2024 21:21

O conxunto de Roberto Trashorras visitou o mítico estadio das Gaunas coa vista posta en manter as súas opcións de participar na Copa do Rei o curso que vén. 

O primeiro tempo depararía cara e cruz para os lucenses, que empatarían o gol inicial de Jordi Escobar pero marcharían igualmente ao descanso en desvantaxe. O primeiro tanto tería a autoría do mencionado, mais co agradecemento inestimable dun Tabuaço que non perdeu o balón practicamente na súa área pequena. Lonxe de virse abaixo, un golpe de calidade de Nacho Quintana puxo as táboas co que era xa o seu sexto gol na competición doméstica. Cando todo o peixe parecía vendido apareceu outra vez Jordi Escobar para cazar un mal rexeite da defensa lucense e adiantar aos seus xusto antes do tempo de lecer. 

Na segunda metade o Lugo estaría a piques de marcar nos primeiros minutos. Unha transición rápida remataría cedendo un balón para Víctor Narro que intentou fusilar ao gardameta logroñés que foi quen de meter unha man salvadora. No minuto  66 chegaría unha xogada decisiva, Michael sairía expulsado tras ver o segundo cartón amarelo e deixaría ao Logroñés cun menos durante os case vinte e cinco minutos restantes. Lonxe do que podía pensarse, os locais non se meteron na cova a agardar polo Lugo. De feito, terían unha das máis claras do partido tras volver a roubar o balón na área lucense pero Tabuaço conseguiría enviar o esférico a córner cando xa se estaba cantando o terceiro para os locais. Sería no 77 que Gorka Pérez igualaría, pero non o marcador. O defensa do Lugo sairía expulsado tamén por segundo cartón amarelo tras unha falta co cóbado nun salto no medio do campo e ambos equipos quedarían con dez xogadores na recta final do encontro. 

Cos dous equipos con dez os locais foron superiores e o Lugo non foi quen de impoñerse para marcar o empate. Os de Trashorras chegaron en ocasións soltas, mais sen perigo. Finalmente derrota para o Lugo que matematicamente esgota as súas posibilidades de participar na vindeira Copa do Rei. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade