O Lugo foi o único equipo galego que logrou o triunfo na Primeira Federación
O Lugo foi o único equipo galego que logrou o triunfo na Primeira Federación
Empate do Deportivo e derrotas do Arenteiro e do Celta Fortuna
Tivo que suar o Lugo a primeira vitoria na súa estrea na Primeira Federación. O Teruel subíuselle ás barbas á media hora, cun gol de Castillo. Pero reaccionou rápido. Compensou con picardía Willy Ledesma tres minutos máis tarde na saída deste corner. Coloca Aguza e co calcaño, sorprende Ledesma. O Lugo tivo que seguir a sachar o partido, que non se decantou do seu lado ata oito minutos do final nun lanzamento de Aguza dende a frontal da área. Munitis exhibe o encontro como modelo do que vai ser o seu equipo
Foi a única cara dunha xornada de poucas rendas para os galegos. O Celta Fortuna petou contra un elemento implacable, o arbitral. Dous penaltis consecutivos achanzáronlle o camiño á Ponferradina, un dos favoritos ao ascenso, pero no campo inferior ao filial celeste. Llonch e Ale Díez puxeron distancia. Atopou o camiño para recortar Raúl Blanco, pero volveu topar co colexiado. Fóra de xogo máis ca rigoroso. O mesmo Raúl Blanco volver marcar, mediada a segunda parte, pero non foi abondo. Claudio Giráldez combinou sensacións: orgullo polos seus e un indisimulado malestar co xuíz
Tampouco gustou a actuación arbitral na Coruña. A discutible anulación do gol a Lucas Pérez privou o Deportivo da vitoria na apertura da Liga diante do Majadahonda. Unha xornada de estrea na categoría para o Arenteiro, que competiu con dignidade en Tarragona pero caeu vítima dun solitario tanto. Xa que logo, os nosos fixeron moito ruído no arranque, pero recolleron poucas noces.