Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Lugo iguala dous goles contra o Nástic e acariña a vitoria (2-2)

O Lugo iguala dous goles contra o Nástic e acariña a vitoria (2-2)

O Nástic saíu mellor ao partido, e adiantouse antes do cuarto de hora por medio de Pablo Fernández e Antoñín

Mendoza, antes do descanso e Erik, xa na segunda metade, estableceron o empate

Nos últimos minutos o Lugo puido marcar o terceiro

G24.gal 06/10/2024 21:25

O Lugo salvou un punto nun partido que se lle puxo moi costa arriba, pero no que os de Lolo Escobar nunca baixaron os brazos, e mesmo puideron culminar a remonta nuns últimos minutos tolos.

O Nástic comezou moito máis metido no partido, da man dun vello coñecido. Víctor Narro fixo dano pola banda esquerda, asistindo nos dous primeiros goles. Primeiro, no minuto catro, a Pablo Fernández. E, no minuto 13, e xusto mentres o Anxo Carro pedía un penalti sobre Jorge, conduciu unha contra para asistir a Antoñín, outro ex-xogador do Lugo, que fixo o 0-2.

O Lugo non baixou os brazos, e aínda pediu outro penalti sobre Jorge antes do que si sinalou a colexiada, o de Óscar Sanz sobre Vaquero. A ‘Cobra’ Mendoza non perdoou e estreouse como goleador co equipo galego, antes de probar fortuna desde lonxe cun gran disparo, que tivo que botar a córner Varo con apuros.

A segunda metade comezaba con sustos, cun man a man de Antoñín que tivo que sacar Erik baixo paus. Os cataláns pediron penalti. Pouco despois, volvía aparecer Lavín para desbaratar unha dobre ocasión con disparo final de Antoñín.

Pero, superados eses apuros iniciais, o Lugo buscou con insistencia o empate, xerando un par de remates, de xeito consecutivo, de Dani Vidal e Yayo, que saíron ben preto do pau. Foron o preludio do empate, obra de Erik Ruiz á saída dun córner. Un empate que facía xustiza á mellora dos lugueses na segunda metade.

Os últimos minutos foron trepidantes, con chegadas dos dous equipos. Sobre todo dos locais, que puideron acadar o terceiro, aínda que o Nastic tivo un man a man que salvou Lavín de xeito providencial.

A ocasión máis clara, un remate ao traveseiro de Varo á saída dun córner no 93, puido deixar os tres puntos no Anxo Carro. Pero o empate foi un mal menor para un equipo que deixou moi boa imaxe na segunda parte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar