O Lugo leva a fase autonómica da Copa Federación
O Lugo leva a fase autonómica da Copa Federación
Os albivermellos derrotaron o Coruxo F. C. grazas a un solitario gol de Jon Cabo
Continúan o seu camiño para chegar a disputar a Copa do Rei
A Pinguela acolleu onte a final da fase autonómica da Copa Federación. Lugo e Coruxo chegaron a Monforte de Lemos á procura dun billete para a fase nacional da competición onde, de acadar as semifinais, terían a oportunidade de disputar a Copa do Rei.
O equipo adestrado por Lolo Escobar fíxose co esférico desde os primeiros intres, buscando a vitoria a través da posesión. No minuto 18, Jon Cabo puña por diante aos albivermellos cun disparo raso. Os lugueses continuaron co seu dominio ante un Coruxo que non foi quen de reaccionar na primeira metade
Á volta do tempo de lecer, o equipo vigués lanzouse á ofensiva buscando a igualada. Álex Pérez conseguía anotar o empate pero o árbitro asistente levantou a bandeira anulando o gol do Coruxo. A calor deixou pegada nos xogadores e o ritmo do partido decrecía co paso dos minutos. Malia intentalo, o Coruxo non logrou igualar o encontro e tras o asubío final o Lugo levantou o título, proclamándose vencedor da fase rexional da Copa Federación.