O lume arrasa o interior dunha casa abandonada da Pobra do Caramiñal
O lume arrasa o interior dunha casa abandonada da Pobra do Caramiñal
As lapas asomaban xa polas portas e ventás cando chegaron os efectivos de emerxencias
Temíase que unha persoa sen fogar que se instalara na vivenda puidese estar dentro
Pouco antes da unha da mañá un forte estoupido alertou os veciños dunha parte da travesía principal da Pobra. Axiña se decataron de que se trataba dun incendio nunha casa abandonada porque a esa hora o lume asomaba xa polas portas e ventás da vivenda.
A prioridade dos efectivos de emerxencias, amais de atallar o lume, foi poder entrar na casa canto antes, porque había indicios de que podía estar unha persoa dentro. Ao cabo duns vinte minutos lograron inspeccionar o interior e confirmar que a persoa que durmía alí desde hai varias semanas non estaba na casa.
Ás tres e vinte da mañá deron o incendio por extinguido e constataron os graves danos que sufrira todo o interior da casa. Pese a todo, consideran que a estrutura non está afectada, aínda que iso é algo que terá que avaliar máis en profundidade o arquitecto municipal.
Os propietarios do inmoble viven no estranxeiro, e a vivenda, que leva deshabitada xa varias décadas, é ocupada de tanto en tanto por persoas sen fogar.