O lume arrasa o sur de Europa
O lume arrasa o sur de Europa
Portugal é o país máis afectado polos incendios, con máis de 25000 hectáreas queimadas
Unha persoa morreu nun incendio en Marrocos
Portugal conseguiu este sábado controlar a maior parte dos incendios forestais que, un ano máis, arrasan o país. Ata dezanove avións e helicópteros, xunto con 1800 bombeiros traballan sobre todo en zonas do Porto, Braga, Guarda ou Santarem contra máis de sesenta incendios, aínda que 43 deles están case extinguidos.
Un piloto e unha muller morreron nos incendios de Portugal
O lume custoulle a vida este venres a un piloto portugués dun avión antiincendios que traballaba na zona de Braganza; as autoridades portuguesas investigan tamén a morte dunha muller de cincuenta anos que apareceu carbonizada nun incendio rexistrado en Aveiro.
A loita contra o lume en Portugal deixa tras de si máis de 135 persoas feridas, dúas delas graves.
Máis de cincuenta persoas foron detidas en Portugal por prender lume
Máis de cincuenta persoas foron detidas por prender lume, de xeito intencionado ou accidental. No que vai de semana, o lume arrasou máis de 25000 hectáreas en Portugal. E o risco segue sendo extremo.
Francia, Croacia, Grecia e Turquía tamén combaten grandes incendios forestais
As altas temperaturas e os ventos que se rexistran no sur de Francia converteron o sueste de Burdeos e o val do Ródano nun inferno. Os dous incendios xa arrasaron máis de dez mil hectáreas de terras francesas e obrigaron a evacuar doce mil persoas.
Outros países do sur europeo especialmente afectados polo lume son Croacia, Grecia e Turquía.
Un home apareceu morto nun incendio en Marrocos
O lume afecta tamén esta fin de semana ao norte de África. Os bombeiros de Marrocos conseguiron extinguir tres incendios forestais, un deles especialmente aparatoso preto da cidade de Larache, onde atoparon o corpo carbonizado dun home.