O lume leva por diante 500 nasas e varios miños nun peirao de Cambados
O lume leva por diante 500 nasas e varios miños nun peirao de Cambados
Un particular advertiu o 112 de que se iniciara un incendio que ameazaba embarcacións
Un mariñeiro que saía ao mar alertou o 112 ás tres e cuarto da mañá. Había un incendio no espigón de Santo Tomé. Iván Marín, do Servizo de Emerxencias de Cambados, conta que cando chegaron había dous módulos de nasas ardendo. Nun primeiro momento impediron que as lapas se propagaran. Conseguiron extinguilo coa axuda dos Bombeiros de Ribadumia.
500 nasas e varios aparellos
O lume queimou unhas 500 nasas e varios miños que estaban ao seu carón. Cada unha pode custar uns 30 euros así que as perdas económicas conxuntas chegan aos 25.000 euros.
Alejandro Pérez, patrón maior de Cambados, di que un barco que estaba amarrado cerca sufriu danos nos sistemas de comunicación pola calor que desprendía o incendio.
Un incendio intencionado
A zona onde foi o suceso non ten cámaras e estes días está sen luz. Hai quen di que puido tratarse dun intento de roubo porque varios aparellos foron arrastrados ata o medio da estrada. O lume foi explosivo polo que todo indica que empregaron gasolina. "Ademais, co que choveu onte tiña que estar todo mollado", engade Alejandro Pérez.
Barcos afectados
A gran maioría das nasas pertencían o Dulce Nombre, unha embarcación de Cambados que na actualidade anda co rastro da vieira. É un barco de poliéster novo, de apenas seis meses, que estrearon cando se abriu a campaña do polbo en xuño. Ninguén na vila se explica o sucedido, porque din que a súa tripulación ten un comportamento exemplar.
Algunhas fontes apuntan a que parte das nasas queimadas son doutro barco de artes menores de Cambados, o Da Rúa Segundo.