Publicador de contidos
Publicador de contidos

O machismo criminal repuntou durante o verán con 25 mulleres asasinadas

O machismo criminal repuntou durante o verán con 25 mulleres asasinadas

Máis da metade dos asasinatos por violencia de xénero deste 2023 perpetráronse nesa estación

No que levamos de 2023 van 48 vítimas mortais, 17 máis ca no mesmo período do ano anterior 

G24.gal 23/09/2023 09:15 Última actualización 23/09/2023 10:02

Máis da metade dos asasinatos por violencia de xénero deste 2023 perpetráronse durante o verán. De feito, rexistrouse unha repunta de feminicidios en España nos meses estivais: 25 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas.

Entre o 21 de xuño e as 8:50 horas deste 23 de setembro, produciuse "un agravamento do terror machista", como definía a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Vitoria Rosell, a última concentración de catro asasinatos en menos de 48 horas.

Rexistráronse dúas vítimas mortais nos últimos días de xuño, oito en xullo, sete en agosto e outras oito en setembro. Como consecuencia destes crimes machistas, 21 menores quedaron orfos.

Estas concentracións de asasinatos levaron o Ministerio de Igualdade a convocar comités de crise en xullo, agosto e setembro (este último terá lugar o 4 de outubro) xunto a Interior, Xustiza, Fiscalía, Consello Xeral do Poder Xudicial e as comunidades nas que se rexistraron casos.

Foron oito as mulleres asasinadas en Andalucía (32 %), seis en Cataluña (24 %), catro na Comunidade Valenciana (16 %), dúas en Madrid (8 %) e un caso en Navarra (4 %), A Rioxa, Canarias, Castela e León e Murcia.

Maior risco

Xullo e agosto son os meses de maior risco para as vítimas da violencia machista. Segundo a estatística oficial, concentran o número máis alto de asasinatos desde 2003, 127 en xullo e 114 en agosto.

A maior convivencia co agresor e o incremento da mobilidade e as relacións sociais (e a percepción do maltratador de que perde o control sobre a vítima) polas vacacións poderían ser as causas que subxacen nese maior perigo.

A repunta deste verán está a ter un impacto na cifra global de feminicidios. Despois de que en 2021 e 2022 se alcanzara un mínimo histórico anual de 49 asasinatos, no que levamos de 2023 van 48 vítimas mortais, 17 máis ca no mesmo período do ano anterior.

As vítimas

As 25 vítimas mortais deste verán son máis da metade dos 48 feminicidios perpetrados neste 2023, un 52 %.

Chamábanse Francy (35 anos), Vanesa (36 anos), Zhen Jiang (47 anos), Kirsty (36), Salwa (35), Ilham (38), Carmen (54), Carla (26), Elena (29), Erica Vanessa (22), Zhour (27), Evarista (91), Juana (31), Soledad (50), Encarna (63), Charo (40), Raquel (58), Rosa (52), Maricel (46), Rosa María (71), Sandra (37), Nicola (51), Suzan Ann (80), Hanane (35) e Laura (41).

Dos 25 presuntos feminicidas, só catro tiñan antecedentes por violencia machista, co que en 21 casos non constaban denuncias previas por malos tratos, o 84 %. Sete dos agresores suicidáronse tras cometer os crimes (o 28 %), polo que non poderán ser xulgados polos seus actos.

As cifras

Desde 2003, a violencia de xénero acabou coa vida de 1.232 mulleres en España e desde 2013 un total de 423 menores quedaron orfos como consecuencia dos feminicidios.

O 016 atende a todas as vítimas de violencias machistas as 24 horas do día e en 53 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es; tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600 000 016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.

Nunha situación de emerxencia, pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062), e en caso de non poder chamar pódese recorrer á aplicación ALERTCOPS, desde a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade