O medievo máis fastoso engalana Pontevedra na súa Feira Franca
O medievo máis fastoso engalana Pontevedra na súa Feira Franca
As xustas de cabaleiros e un mercado medieval atraen multitudes de visitantes á vila pontevedresa
Anunciada onte por pregoeiros a cabalo, a Feira Franca de Pontevedra vive esta xornada o seu día grande, con visitantes e comerciantes somerxéndose en pleno medievo, para recrear a prebenda que Henrique IV de Castela lle outorgou á vila do Lérez hai máis de cincocentos anos pola que autorizaba a celebración excepcional dun mercado libre de tributos.
Así que para a ocasión os pontevedreses chegaban esta mañá coas súas mellores galas medievais para degustar as viandas tradicionais en tabernas ao uso entre músicos, danzantes e divertimentos varios.
"Encántannos o ambiente, como preparan todo. Sobre todo a zona vella, que se presta moito para a Feira Franca", comentaba unha das asistentes.
Acompañados de bo tempo e da tradición, os visitantes asistiron ao traslado do viño do Ribeiro polo Camiño Vello de Castela, que non aforrou en detalles, con carros e gando portando os bocois acabados de fermentar escoltados pola música e a diversión en todo momento.
"Vense cousas tradicionais, oficios que non se ven agora, o ambiente festeiro que hai, a comida. Está todo moi divertido, sobre todo para os nenos", asegura outra das habituais á feira.
Tras un xantar proveitoso e bendicido polas regalías monárquicas, o serán continuará os coloristas torneos e as xustas cabaleirescas ao máis puro estilo do cinquecento medieval.