O Miño rebordou ao seu paso por Lugo
O Miño rebordou ao seu paso por Lugo
A enchente obrigou a cortar o paseo fluvial da cidade á altura do balneario
As intensas precipitacións das últimas xornadas fixeron que o Miño se desbordase ao seu paso por Lugo. O tramo máis afectado é o da beira esquerda do río entre a ponte romana e a branca, que chegou a inundarse.
O treito peonil do paseo do Miño que pasa por esta zona tivo que ser cortado debido á enchente do río. Ao careceren desta ruta, os usuarios víronse obrigados a ter que empregar a beiravía da estrada N-VI.
Para evitar que se anegase o balneario de Lugo, tiveron que achicar a auga con bombas na parte baixa do inmoble, onde agora se afanan coa limpeza.
"Estivemos poñendo as bombas para quitar a auga das zonas máis baixas, onde están todos os tratamentos e chorros, e despois puxémonos coa tarefas de limpeza e desinfección", relata Carmen Garaloces, traballadora do balneario de Lugo.
A riada do Miño tamén se percibe á altura do Club Fluvial da capital lucense. A auga a piques estivo de inundar os baixos.
Ademais de encher o río, o temporal tamén deixou unha serie de incidencias en Lugo. A máis grave foi a caída dunha árbore de grandes dimensións á altura do balneario, que obrigou a cortar, durante varias horas, o carril sentido á Coruña da N-VI.
Tamén foi preciso cortar parte dunha estrada en Guntín, neste caso debido ao afundimento do firme na parroquia de Vilamaior do Negral. Pechouse á circulación un dos carrís, e polo outro debe circularse con precaución debido ao risco de derruba.