Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo conta no seu artesoado con dúas pezas do escultor Acisclo Manzano

O Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo conta no seu artesoado con dúas pezas do escultor Acisclo Manzano

Durante os traballos de restauración apareceu unha maza de catrocentos anos no faiado 

G24.gal 02/09/2022 22:03

O mosteiro de Xunqueira de Espadanedo conta cun dos poucos artesoados policromados que se conservan en Galicia. Aquí interviron para deixar a vista unha viga do século dezaseis, e ter así unha mellor visión de todo o conxunto.

Nestes traballos participaron profesionais de distintas disciplinas entre eles Acisclo Manzano. O escultor ourensán elaborou dúas pezas que agora forman parte tamén deste singular conxunto artístico. 

"Este lugar ten moitas cousas, estamos nun espazo posiblemente único dentro de Galicia xa que o noso artesoado e o modo de conservación no que se atopa é moi difícil poder ver algo similar. É un artesoado de finais do século XVI que completa Acisclo no século XXI, polo tanto aínda máis especial do que era." Conta Eugenia Muñoz, técnica en xestión cultural do concello de Xunqueira de Espadañedo.

Contan que a intervención de Acisclo chegou dun xeito casual, impresionado pola beleza do lugar ofreceuse a completar o espazo baleiro que quedaba nos extremos dunha das vigas que quedara descuberta no artesoado tralos traballos de restauración.

Un traballo complicado porque debía integrase no conxunto sen chamar a atención. 

"A reacción é magnífica, primeiro ninguén se decata e cando lles explicas e lles mostras a diferenza quedan impresionados por como se logrou a integración. Tamén facer que un espazo con case oitocentos anos de historia siga acumulando historia."

E o certo é que nesta historia hai outra máis:  durante os traballos de restauración apareceu unha maza no faiado. Algún artista a deixou aí hai catrocentos anos.

E "acisclo" é como se lle chama tamén a este tipo de ferramenta.

"Estar nun lugar do século XII, cun teito do XVI e eu no século XXI... penso que fun eu o que estivo no século XVI tallando isto e deixei a ferramenta aí." Di o escultor Acisclo Manzano.

Conta que levaba moito tempo sen traballar a madeira. Agora queda xa para sempre a súa pegada no mosteiro. E di que isto non é traballo senón un xeito de emocionar e dalgunha maneira de formar parte dun lugar cheo de historia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade