Publicador de contidos
Publicador de contidos

O mozo das Pontes ferido na Habana "experimenta certa recuperación"

O mozo das Pontes ferido na Habana "experimenta certa recuperación"

O seu estado segue sendo grave e a súa familia xa se desprazou a Cuba para poder estar con el

A súa moza, veciña de Viveiro, faleceu na explosión do hotel cubano

G24.gal 09/05/2022 11:11 Última actualización 09/05/2022 14:48

César Román, o mozo veciño das Pontes ferido na explosión do hotel Saratoga da Habana, en Cuba, experimentou certa "recuperación" dentro da gravidade que presenta. Explicouno este luns o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen cre que é unha información que apunta ao "optimismo".

"As últimas noticias que nos trasladan é que, dentro da gravidade, está a ter unha recuperación e, polo tanto, hai que collelo con optimismo e hai que collelo con esperanza", dixo o delegado sobre a situación do mozo, que permanece ingresado no hospital cubano.

José Miñones quixo trasladar, en nome do Goberno, "todo o afecto ás familias" tanto do mozo ferido como da súa moza, Cristina López-Cerón, falecida a consecuencia da explosión, e sinalou que todo o Executivo e el mesmo están en contacto directo con eles e coa embaixada e o consulado.  

Sobre o mozo ferido, ademais das noticias sobre a súa evolución, Miñones apuntou que a súa familia xa se desprazou a Cuba e están en contacto co embaixador para que "os acompañe en todo o necesario".

En relación a Cristina, a falecida, natural de Viveiro, o delegado do Goberno reiterou que a intención é "acelerar o máximo" posible "todos os prazos necesarios" para a súa repatriación.  Os seus familiares están tamén xa na Habana para seguir co proceso. "Hai que facelo ben, é o obxectivo principal", dixo Miñones, que lembrou que se trata de "prazos normalmente longos".  

De todos os xeitos, o Goberno tenta aceleralos para "evitar ese tempo de espera" á familia. "Esperamos que esta semana poida terse aquí o corpo", destacou.  

En Viveiro, tristura, polo infortunio da súa xove veciña. A fatalidade quixo que pasara co seu mozo a carón do hotel Saratoga no momento da explosión. "Son desgracias que pasan que non se conta con elas", di un veciño.

Nas Pontes, onde ambos residían, os veciños tentan arroupar as familias de ambos con mostras de agarimo e apoio. Unha veciña de As Pontes di que o anímo de todolos veciños está polo chan, pensando nos rapaces e nas súas familas.

Na Habana os equipos de rescate continúan buscando entre as ruínas do Saratoga os empregados do hotel que continúan desaparecidos. A explosión ocorrida o venres no hotel Saratoga da Habana causou xa, segundo as autoridades cubanas, 35 falecidos, entre eles a turista galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade