O narcosubmarino permanece custodiado nunha nave en Vilagarcía
O narcosubmarino permanece custodiado nunha nave en Vilagarcía
Os axentes continúan coa inspección na procura de pistas
O narcosubmarino está nunha nave do peirao do Ramal, en Vilagarcía, custodiado pola policía. Apartado das olladas dos curiosos, axentes da Policía Científica inspecciónano polo miúdo. O achado accidental do Poseidón parece evidenciar que as redes criminais empregan os narcosubmarinos como método habitual de transporte da droga desde América ata Galicia.
"Está aplicando aquí o modelo que xa tiñan con éxito para transportar a droga desde América do Sur ata os Estados Unidos. Agora teñen a capacitación técnica suficiente para facer unha travesía atlántica", di Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.
Polo que se sabe, estes somerxibles adoitan construírse en estaleiros clandestinos en América do Sur. Unha tripulación mínima, guiada por un piloto experto, realiza a perigosa travesía polo océano. Na ría descargan nas narcolanchas e afunden o somerxible para borrar probas. Neste caso supoñen que houbo algún fallo no cálculo do calado e o Poseidón non chegou a afundirse.
"Galicia necesita máis. Necesita medios humanos, medios materiais e necesita, como todas as forzas de seguridade do resto do Estado, que legalmente se apoie o seu traballo. A loita contra o narcotráfico e as drogas ten que volver estar na axenda política", asegura Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfrico.
O Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía é o encargado do caso.