O Noia debuta en Primeira División coa pretensión de encontrar un oco na categoría
O Noia debuta en Primeira División coa pretensión de encontrar un oco na categoría
Este sábado visita o Córdoba no primeiro partido da liga regular
O pasado mes de marzo o Noia poñíalle a guinda a unha temporada espectacular. Triunfo ante o Leganés, campionato de liga certificado e ascenso á Primeira División selado. Faltaban catro xornadas para o remate da competición regular. Seis meses despois chega por fin a estrea na máxima categoría.
"Temos que ter os pés na terra. O que fixemos o ano pasado non é comparable á competición en Primeira. Foi algo único. Isto é un reto para todos. Pero temos ganas de demostrar quen somos", explica Pirata, o capitán do equipo.
O salto non é doado. A española pasa por ser a mellor liga de fútbol sala do mundo. Marlon Velasco pídelles serenidade aos seus xogadores para asimilar a transición.
"Estamos acostumados a comer xamón todas as semanas e agora vai tocar mortadela máis de unha. Canto antes teñamos claro isto, antes nos adaptaremos. Pero é certo que pelexamos moito por chegar aquí e gozar desta experiencia", advirte o adestrador.
Pois a primeira experiencia está xa aí, á volta da esquina. Este sábado visita o Córdoba, un equipo asentado que coñecen de primeira man. Pero ao Noia non lle treme o pulso. Quere o seu lugar na categoría.
"Nós acabamos de chegar pero non queremos ser un convidado de pedra, queremos ser protagonistas e levar a iniciativa, que foi o que fixemos estas últimas temporadas", asegura Marlon Velasco.
O Noia pechou a pasada campaña con 82 puntos e tan só catro derrotas no seu haber. Rexistros difíciles de repetir pero que suman na súa ansia de mellora.