Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda encarga aos seus novos conselleiros "superaren" os gobernos anteriores

Rueda encarga aos seus novos conselleiros "superaren" os gobernos anteriores

Oito conselleiros do novo Goberno de Rueda xuran e outros catro prometeron o cargo no Pazo de Raxoi

Pontón critica que se trata dun goberno "para acomodar cargos do PP" e Besteiro ve no Consello da Xunta "fieis a Rueda"

Foto de familia do novo Goberno da Xunta de Galicia
G24.gal 15/04/2024 08:04 Última actualización 15/04/2024 14:52

Os integrantes do novo Goberno galego prometeron ou xuraron este luns os seus cargos ante Alfonso Rueda no pazo de Raxoi, a sede institucional do Executivo autonómico na praza do Obradoiro.

Tras a lectura dos decretos de nomeamento, un a un acudiron á mesa onde había unha copia do Estatuto de Autonomía, outra da Constitución e unha biblia.

A maioría dos doce conselleiros e conselleiras optaron pola fórmula de xurar o seu cargo, excepto o de Presidencia Diego Calvo, a de Vivenda María Martínez, o de Sanidade Antonio Gómez Caamaño e o de Mar Alfonso Villares, que prometeron.

O presidente da Xunta Alfonso Rueda puxo aos integrantes do seu novo Goberno o reto de "superaren" os gobernos anteriores, para o cal lles desexou sorte e moito traballo, xa que será un sinal de que Galicia "mira cara adiante e segue progresando".

"A nosa sorte será a sorte de Galicia", díxolles aos doce integrantes do Executivo autonómico, catro deles novos, que este luns tomaron posesión dos seus cargos no pazo de Raxoi, a sede institucional da Xunta.

Rueda tivo palabras de recoñecemento e de agradecemento para os exconselleiros Julio García Comesaña, Ethel Vázquez e Elena Rivo, esta última ausente do acto, polo seu traballo e dedicación durante o tempo que formaron parte do Goberno galego.

Foto de familia do novo goberno da Xunta no Obradoiro (EFE/Lavandeira jr.)

Aos novos, María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas), María José Gómez (Medio Rural), Antonio Gómez Caamaño (Sanidade) e José López Campos (Cultura, Lingua e Xuventude) agradeceulles "a valentía" de aceptaren o encargo "sen dubidalo".

"As familias dos que repiten saben o que hai e as dos novos que hoxe empezan xa se irán decatando", continuou Rueda sobre os oito integrantes do seu Goberno que repiten, a quen tamén lles agradeceu o seu compromiso e dedicación.

Nun discurso breve cheo de referencias ás renuncias, principalmente familiares, que implica formar parte do Goberno autonómico, Rueda falou tamén de momentos de "satisfacción" durante a tarefa.

E é que, como en anos anteriores en intervencións similares, volveu destacar que desde 2009, cando el chegou ao Consello da Xunta, os integrantes do Goberno galego, con Alberto Núñez Feijóo como presidente, son "un grupo de compañeiros e en moitos casos amigos" que se axudan mutuamente para "servir a Galicia".

A todos eles advertiulles de que se trata "dunha carreira de substitucións" en que o importante é facelo o mellor posible durante o tempo que se ocupe o cargo, co obxectivo de "superar aos gobernos anteriores" e que os seguintes gobernos fagan o mesmo, sinal de que Galicia seguirá progresando, concluíu.

O exconselleiro de Sanidade Julio García Comesaña interveu en nome dos que deixan o cargo e agradeceu a inmensa oportunidade de servir a Galicia dese o seu Goberno, "a maior honra para un empregado público", como é o seu caso.

Nun discurso contido e emocionado, García Comesaña lembrou que lle tocou servir nunha lexislatura marcada pola pandemia e asegurou que a Xunta pode estar "orgullosa" da súa xestión, xa que obtivo "os mellores resultados" e Galicia "saíu antes" desta crise.

Agradeceu o traballo a todos os profesionais sanitarios e pediu ao seu sucesor loitar todos os días para solucionar os problemas reais, como a falta de médicos.

A nova titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas María Martínez Allegue interveu en representación dos catro novos integrantes do Goberno galego e dixo que se incorpora para "achegar frescura, ilusión e ganas", que, aínda que nunca faltaron, dixo, son necesarias para dar "un novo impulso".

Martínez Allegue asegurou que tanto os novos como os que seguen responderán "con dedicación, lealdade e traballo infinito" para lograr un único horizonte: "o progreso da terra, da calidade de vida dos seus cidadáns e a defensa inquebrantable e irrenunciable por encima de todo" dos intereses dos galegos.

"Ilusión e ganas de traballar" 

Os catro novos conselleiros e conselleiras da Xunta de Galicia coincidiron en destacar a súa "ilusión" e "ganas de traballar" ante as novas tarefas que asumiron este luns, tras a toma de posesión dos seus cargos e antes de participar na primeira reunión gobernamental.

No tradicional escenario do salón Nobre do Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, cumpriron coa cerimonia e despois de posar para a foto de familia de rigor os "doce máis un", como expresou o propio presidente da Xunta Alfonso Rueda, dedicaron as súas primeiras palabras máis informais a dar as grazas polo posto e garantir o seu compromiso coa responsabilidade asumida.

O conselleiro de Sanidade Antonio Gómez Caamaño destacou a "ilusión, responsabilidade e humildade" á hora de facerse cargo do seu novo labor e asegurou que estará "coas orellas ben abertas para escoitar a todo aquel que teña algo de achegar", sen querer aínda fixar as súas prioridades porque antes teñen que "asentarse".

Gómez Caamaño coincidiu co seu antecesor no cargo Julio García Comesaña en que "non hai maior honra" que alcanzar esta responsabilidade e constatou que ten "moitas ganas de traballar por Galicia".

Tamén o novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude José López mostrouse agradecido pola "responsabilidade enorme" e comprometeu que tentará "estar á altura, non no aspecto físico", en alusión a que mide máis de dous metros, senón "no político".

Sobre o seu labor á fronte da Consellería, que Rueda separou nesta lexislatura da de Educación, dixo precisamente que o presidente ten "moi claro que quere dar un impulso á nosa cultura e á nosa lingua" e el, pola súa banda, espera "gañar esa batalla".

Mudo do primeiro Consello da Xunta

A conselleira de Medio Rural María José Gómez asegurou que vai afrontar esta nova responsabilidade como fixo sempre na súa vida, "con humildade e ganas de traballar", tanto en defensa do sector agrogandeiro como do forestal e igualmente "con moita ilusión", coma o resto.

O conselleiro de Presidencia Diego Calvo, que repite no Goberno galego, aínda que deixa de ser vicepresidente primeiro ao eliminar Rueda as dúas Vicepresidencias, argumentou que estas son "decisións de organización" que "loxicamente lle corresponden" ao presidente, polo que "claro" que o entende.

Os membros do novo Goberno estiveron acompañados dos seus familiares e de moitos dos seus colaboradores, cos que despois compartiron felicitacións, abrazos, e fotos, antes de saír para asistir ao primeiro Consello da Xunta xa todos xuntos, como un "grupo de compañeiros", segundo dixo Rueda.

Á parte das novas conselleiras e conselleiros, tamén estiveron no acto os saíntes Comesaña e a extitular de Infraestruturas Ethel Vázquez, aínda que estivo ausente a de Promoción do Emprego Elena Rivo. 

Pontón cre que os cambios no goberno de Rueda son para "acomodar os cargos do PP"

A líder do BNG Ana Pontón considerou que os cambios no novo goberno do presidente da Xunta Alfonso Rueda son máis para "acomodar os cargos do PP" e "obedecen máis aos equilibrios internos dese partido" ca ás necesidades de Galicia.

Pontón fixo estas declaracións tras a toma de posesión dos cargos do novo goberno de Rueda; a máxima dirixente do BNG observou que só hai un 40 % de mulleres, polo que lamentou que "non se predique co exemplo" en materia de igualdade de xénero.

Rueda é un "presidente sen proxecto de futuro para este país", reprochou Pontón, quen convidou o mandatario galego a unha reunión para abordar asuntos "relevantes" para Galicia, entre os que enunciou unha proposta para condonar a débeda pública, discutir o traspaso de competencias pendentes e reformar o sistema de financiamento autonómico.

Besteiro fala dun Goberno formado por "fieis a Rueda"

O portavoz do grupo parlamentario socialista José Ramón Gómez Besteiro ofreceu ao presidente da Xunta Alfonso Rueda a disposición do seu partido para dialogar e traballar nos principais temas que afectan á cidadanía galega, pero matizou que corresponde ao xefe do Executivo autonómico revelar que tipo de relación quere coa oposición.

"Nós ofrecémonos a falar en calquera foro das cuestións que preocupan a diario á inmensa maioría dos galegos e das galegas, pero o paso para sentar nunha mesa é responsabilidade do presidente da Xunta".

Sobre os perfís das persoas que integran o novo Executivo que preside Alfonso Rueda, o portavoz dos socialistas comentou como "primeira reflexión política" que se trata dun Goberno formado por "persoas fieis a Alfonso Rueda".

Indicou tamén que o presidente da Xunta perdera a oportunidade de constituír un Goberno en que o número de mulleres e homes estivese equiparado e agregou que desde o punto de vista político é un Executivo máis equitativo ao desapareceren as vicepresidencias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade