Publicador de contidos
Publicador de contidos

O novo SMI, unha subida politica, por Venancio Salcines

OPINIÓN

O novo SMI, unha subida politica, por Venancio Salcines

G24.gal 15/01/2024 08:14

As primeiras subidas relevantes do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) estaban apoiadas por un marco referencial, elevar o SMI ata ou 60 % do salario medio. A idea, dita de modo dereito, soaba ben aínda que pronto nos demos conta de que distan moito os salarios de Ourense ou Lugo, por exemplo, cos de Madrid. Aínda que se miramos para o conxunto do país observaremos que Badaxoz, con 1.758 €, e Xaén, con 1.803 €, son as provincias cos salarios medios máis baixos. No primeiro caso, o novo SMI pasa a supoñer o 64 %, mentres que no segundo, Xaén, acada o 63 %.

Unha ollada ás provincias de Andalucía, Murcia, Estremadura e Comunidade Valenciana, daríanos un cociente similar. É dicir, coa nova subida, que deixa en 15.876 € ano, o salario máis baixo achégase, e bastante, ao salario medio. En Ourense vaise ao 78 %, e no caso de Lugo queda no 76 %.

Por que este razoamento? Yolanda Díaz abandonou a súa liña argumental de homoxeneización con Europa para premer á alza nos salarios medios españois, polo menos, os dunha boa parte da clase traballadora. Dito isto, este é o camiño para procurar subidas salariais? Facelo por real decreto? Evidentemente non, aínda que politicamente parecer ser rendible e polo tanto desexable para a líder de Sumar.

Toda suba dos salarios que desexe ser sostible no tempo ten que vir da man do crecemento económico, dun desenvolvemento que baleire o mercado de traballo e poña en valor os oficios máis demandados. É aquí onde entran as contradicións, porque mentres a vicepresidenta Díaz amosa a súa capacidade para incrementar, sen consenso coa patronal, os custos salariais, móstrase incapaz de argallar medidas que melloren a produtividade das empresas ou axuden a reducir, por outra banda, os seus custos de produción.

Dito isto, vai afectar ao mercado de traballo? As anteriores medidas xa mostran o efecto: é moi prexudicial para as persoas con pouca cualificación, esencialmente, as novas que non teñen uns estudos mínimos ou as maiores que teñen que reciclarse. En todos estes casos, ao non ter un salario de entrada nun oficio, o máis probable é que o español sen formación sexa expulsado por un inmigrante cualificado, co malestar social que isto xera.

Para desactivar esta inercia negativa, o recomendable sería volver aos salarios de aprendiz, onde o non cualificado pode incorporarse no mercado do traballo a un custo inferior ao dun compañeiro que si domina ou oficio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade