O número de refuxiados ucraínos elévase a 368.000, pero ACNUR cre que serán uns cinco millóns
O número de refuxiados ucraínos elévase a 368.000, pero ACNUR cre que serán uns cinco millóns
A maioría, 150.000, cruzaron a fronteira con Polonia
Un grupo de refuxiados chegou en tren a Berlín
No paso de Medyka en Polonia, Sofía, unha dos centos de miles de refuxiados ucraínos que foxen da invasión rusa, é a imaxe da desolación.
"É moi triste ter que deixar a túa casa e ter só cinco minutos para saír, nin sequera sabes que é o máis importante de todo o que tes na túa vida. Tes que elixir moi rápido". Sofía pídelle á comunidade internacional que se sinta identificada con ela porque, engade, pode pasar en cada fogar de Europa.
Este domingo comezou a nevar neste paso fronteirizo. Igor, ruso, fuxiu coa súa moza ucraína.
Non entende que isto poida suceder no século XXI e insiste en que as accións de Putin non representan o que senten os rusos.
Polonia concentra o maior numero de refuxiados ucraínos, uns 150.000 dos 368.000 que, segundo ACNUR, fuxiron da guerra. Algunhas destas persoas, sobre todo as que non levan nenos, optaron por cruzar a Romanía. Aseguran que é máis doado. Este europarlamentario romanés explica que as autoridades polacas intentan evitar que os contrabandistas de armas se aproveiten da crise e por iso os trámites son lentos.
Outros chegaron este domingo en tren a Berlín. Recibiron información no seu idioma sobre os lugares aos que poden ir, as conexións de viaxe e mesmo todo o necesario para conectarse a Internet.
En Ubla, Eslovaquia, os refuxiados recibiron a visita da presidenta do país.