O Obradoiro cae contra o UCAM, que se mete na Copa
O Obradoiro cae contra o UCAM, que se mete na Copa
Os santiagueses levaron a iniciativa durante o primeiro tempo, pero o UCAM reaccionou
Un 16-27 no último parcial, con 10 puntos de Sant-Roos, foi decisivo
A xornada ACB que pecha este ano 2023 non comezou ben para os intereses galegos. O Obradoiro non puido cun dos equipos revelación da temporada, o UCAM Murcia.
Os santiagueses entraron mellor no partido, con vantaxes nun primeiro cuarto que rematou 19-13, con Zurbriggen e Howard dirixindo as operacións. Pero o cadro murciano, que acadou o billete para a Copa do Rei co triunfo, reaccionou contra a metade do partido. Gozou dalgunha vantaxe, aínda que o resultado ao descanso era favorable ao Obradoiro por 40-39.
Na segunda metade, o Obradoiro mantívose con opcións ata ben entrado o último cuarto. Nese último parcial decidiuse a vitoria visitante cun 16 a 27, grazas aos 10 puntos de Sant-Roos. Ata cinco xogadores chegaron ás dobres figuras na anotación visitante, mentres que Howard, con 19 puntos, e Scrubb e Zurbriggen, con 15, foron os máximos anotadores do Obradoiro, que queda con seis triunfos.