Publicador de contidos
Publicador de contidos

O pacto con ERC e a reforma do financiamento autonómico tensan o inicio do curso político

O pacto con ERC e a reforma do financiamento autonómico tensan o inicio do curso político

O líder do PP cre que o PSOE vai "purgar" os baróns socialistas críticos no próximo Congreso Federal do partido

G24.gal 03/09/2024 15:09

Os socialistas defenden o pacto con ERC para reformar o financiamento de Cataluña. Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, asegura que están "moi contentos de que os independentistas, por primeira vez, subscriban un acordo en que se fala de financiamento solidario co resto de España, por primeira vez non é un debate identitario".

Tamén defende a reforma o socio da coalición, Sumar. Para o seu deputado Gerardo Pisarello, trátase dunha "grande oportunidade" porque "hai un modelo de financiamento que non está funcionando".

Pero esa eventual reforma tería que pasar polo Congreso, e algúns socios parlamentarios teñen outras prioridades. Compromís esixe que se compense o infrafinanciamento da Comunidade Valenciana que pactaron co PSOE a cambio da investidura de Pedro Sánchez.

Cunha aritmética parlamentaria tan alambicada, a reforma da Lofca nas Cortes semella complicada. Por esta razón, o voceiro do PP no Congreso, Miguel Tellado, ve "probable" que o Goberno "tamén enganara a ERC nisto".

Os populares tamén cren que o PSOE pretende calar, no seu Congreso Federal, os baróns socialistas críticos co pacto. Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP, cre que producirse "a purga dos dirixentes do antigo PSOE".

Pero os socialistas retrucan e aseguran que "os militantes van decidir todo" e que do Congreso sairá "unha guía" que una o partido nesta cuestión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade