O pacto de rendas, por María Bastida
OPINIÓN
O pacto de rendas, por María Bastida
A xeito de serpe de verán, este ano escoitamos de cando en vez un concepto económico que ocupa espazo nos faladoiros con máis ou menos intensidade de debate: o “pacto de rendas”. Trátase dunha idea excepcional alusiva á necesidade dun acordo entre os axentes sociais para dar resposta a unha situación concreta, neste caso a elevada inflación.
O Banco Central Europeo foi a primeira institución que aludiu á necesidade de chegar a este pacto, secundado xa en abril polo gobernador do Banco de España Pablo Hernández de Cos. Este acordo é un compromiso mutuo mediante o que a patronal asume que non vai incrementar os prezos de produtos e servizos tanto como se incrementan os custos e os sindicatos comprométense a non reclamar que suban os salarios tanto como aumenta a inflación. Por tanto, é un exercicio de contención para evitar que a inflación siga subindo e transmite simultaneamente a idea de que todos compartimos equitativamente o seu custo.
Por agora, o éxito do pacto de rendas é inversamente proporcional ao espazo que ocupa nos medios de comunicación. Basicamente, ninguén quere dar o seu brazo para torcer. Os representantes dos traballadores pretenden que os salarios suban en contías próximas ao IPC, ante o que a patronal responde que subirá os prezos. Os primeiros din que non, que queren subidas próximas ao IPC pero con contención de prezos, e rompe a baralla. Por capricho? Non precisamente, máis ben por unha formulación pouco realista: a dita pretensión supón un incremento de custos para o empresariado (un máis) sen que se poida repercutir aos prezos. Non é unha cuestión de marxe de beneficios, senón mera lóxica de supervivencia empresarial.
Con todo, o principal problema non reside neste xogo dialéctico, onde as posturas opostas residen máis en forma que en fondo. A clave é máis ben que, tal e como está concibido, o pacto de rendas nace ferido de morte. O goberno, principal impulsor deste pacto, sáltao directamente coa exclusión das pensións do acordo. É dicir, que o goberno, que controla directamente a transferencia de rendas a polo menos dez millóns de persoas (un terzo de quen percibe ingresos neste país) di abertamente que non as vai someter ao pacto de rendas. E ademais, indiscriminadamente, recoñecendo que van subir igual as pensións máis altas que as mais baixas.
Por tanto, o mesmo goberno que reclama a traballadores e empresariado que se sacrifiquen polo interese xeral e que este ano non revaloricen os seus ingresos salariais nin eleven os seus prezos conforme ao IPC, di abertamente que vai subir as rendas que están baixo o seu control nesa mesma porcentaxe. O que nos leva a un interesante contrasenso: os ingresos dos pensionistas proceden das cotizacións sociais dos traballadores, e pretendemos subir os ingresos dos primeiros mentres reducimos os dos segundos. Reclamamos un sacrificio ás xeracións presentes mentres eximimos do mesmo as pasadas. Mírese por onde se mire, unha formulación arraigada na incoherencia.
A todo isto cabe engadir unha derivada máis. As pensións dependen dunha caixa onde hai entradas (dependentes dos ingresos das persoas traballadoras) e saídas (as propias pensións). Se as entradas aumentan por debaixo do IPC pero as saídas repercuten ese incremento, estarase abrindo unha fenda máis nun peto cada vez máis baleiro. É dicir, que a exclusión das pensións do pacto de rendas non só é unha contradición discursiva e arraigada nun concepto de xustiza social cando menos curioso, senón que é economicamente insostible.
O goberno, en definitiva, debería dar marcha atrás nunha das medidas máis irresponsables que tomou no relacionado coa substentabilidade do sistema de pensións, a reindexación das pensións do IPC. Primeiro, acordando subas na marxe do que se decida no pacto de rendas. Segundo, diferenciando nos distintos niveis de pensións, que non é o mesmo as mínimas que quen percibe as pensións máximas. Retrotraer a dita decisión non só sería exemplarizante, senón economicamente razoable. Por desgracia, ante un ano electoral cabe pouco optimismo. Pero entón asumamos que as xeracións actuais estamos asumindo unha hipoteca de tipo variable e crecente, coa diferenza de que neste caso a marxe de variabilidade a marca quen goberna.