O papa Francisco, ausente por primeira vez no Viacrucis de Roma
O papa Francisco, ausente por primeira vez no Viacrucis de Roma
Non acudiu para evitar o frío mentres remata de recuperarse dunha bronquite
Xoán Paulo II tampouco participara en 2005 polo seu delicado estado de saúde
A ausencia do papa Francisco, para evitar o frío mentres se recupera dunha bronquite, marcou o Viacrucis celebrado este Venres Santo no Coliseo de Roma, dedicado aos conflitos no mundo e cunha marcada presenza da guerra de Ucraína.
Malia non estar presente, o pontífice quixo que as catorce meditacións do Viacrucis, que narran a subida ao Calvario de Xesús, a súa crucifixión e a súa deposición no sepulcro, describiran a que el chama a "Terceira Guerra Mundial a anacos".
Trátase da primeira vez que Francisco non acode persoalmente a este rito. Xoán Paulo II tampouco participara en 2005 polo seu delicado estado de saúde, pouco antes de falecer.
A ausencia non evitou que o Coliseo, símbolo da persecución dos primeiros cristiáns, volvera acoller milleiros de fieis -uns 20.000 segundo o Vaticano- para participar nunha cerimonia que se remonta ao século XVIII.
En cada pasaxe do percorrido léronse os testemuños de vítimas dalgunhas traxedias actuais como a migración forzada en África, a guerra de Ucraína, os conflitos relixiosos en Oriente Medio e a violencia en América Latina.