O papa Francisco cancela a súa axenda por un "lixeiro estado gripal"

O 6 de novembro o propio pontífice asegurou que non se atopaba ben de saúde pero continuou coa actividade normal

O papa Francisco nunha imaxe de arquivo O papa Francisco nunha imaxe de arquivo
G24.gal 25/11/2023 10:21

O papa Francisco cancelou a súa axenda prevista para este sábado por mor dun "lixeiro estado gripal", segundo anuncia o Vaticano.

"As audiencias do santo pai previstas para esta mañá quedan canceladas debido a un lixeiro estado gripal", indica o conciso comunicado da Santa Sé.

O Papa tiña previsto un encontro co presidente de Guinea-Bisau, Umaro Sissoco Embalou, que quedou anulado, pero os seus compromisos dos próximos días mantéñense, incluída a viaxe a Dubai do venres 1 de decembro para o cume COP-28 sobre o cambio climático.

Así mesmo, o 28 de novembro ten previsto acudir á reunión dos bispos da Conferencia Espicopal Española no Dicasterio para o Clero no Vaticano, e un día antes, o 27, recibir en audiencia o presidente do Paraguai, Santiago Peña.

6 de novembro o propio Francisco explicou, con voz cansa, que non estaba ben de saúde e que prefería non ler o discurso que tiña preparado para recibir os rabinos europeos, pero non interrompeu as actividades da súa axenda.

"Bos días, saúdovos a todos e douvos a benvida. Grazas por esta visita que tanto me gusta, pero sucede que non estou ben de saúde e por iso prefiro non ler o discurso senón dárvolo e que vós o levedes", dixo o papa con voz cansa e algo rouca.

Posteriormente, o portavoz do Vaticano, Matteo Bruni, aclarou ese mesmo día que o papa estaba "un pouco arrefriado", pero as súas actividades continuaron regularmente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade