Publicador de contidos
Publicador de contidos

O papa Francisco, hospitalizado por problemas respiratorios, pero non preocupa a súa saúde

O papa Francisco, hospitalizado por problemas respiratorios, pero non preocupa a súa saúde

Durante a mañá deste mércores, Francisco celebrou a audiencia xeral sen problemas, pero cancelou a súa axenda durante dous días para facer as probas necesarias

G24.gal 29/03/2023 20:13 Última actualización 29/03/2023 22:16

O papa Francisco atópase ingresado desde a tarde deste mércores no Hospital Gemelli de Roma para facer probas por "dificultades respiratorias" e requirirá uns días de tratamento médico hospitalario axeitado, segundo comunicou a oficina de prensa do Vaticano. 

"Nos últimos días, o papa Francisco viuse afectado por algunhas dificultades respiratorias e esta tarde acudiu ao Policlínico Gemelli para realizar uns controis médicos", explicaban no Vaticano.

Ao parecer, someteuse a un TAC no tórax, pero o seu estado de saúde non preocupa tras os resultados, segundo publicaron os medios italianos. O resultado da tomografía a que se someteu deu negativo respecto a presuntos problemas cardíacos e as probas respiratorias tampouco deron motivos de preocupación, segundo informou a axencia italiana ANSA.

O diario Corriere della Sera di que o papa comezou a sentir dor no peito e problemas respiratorios tras a audiencia xeral celebrada na praza de San Pedro, e cando xa se atopaba na súa residencia en Casa Santa Marta recomendáronlle que acudira ao servizo de cardioloxía do hospital romano para facer uns controis.

O papa cancelou a axenda dos vindeiros dous días para que se lle poidan facer os controis necesarios, aínda que non preocupa a súa saúde.

Hospital Policlínico Agostino Gemelli de Roma. Italia. Hospital Policlínico Agostino Gemelli de Roma. Italia.

Nunha entrevista recente, o papa dixo que volvía sufrir de divertículos, o problema polo que tivo que ser intervido cando se lle extirpou unha pequena parte do colon, pero que estaba ben de saúde. Desde entón, só sufrira o problema no xeonllo dereito que o obriga a camiñar con bastón ou a ir en cadeira de rodas, pero xa asegurou en varias ocasións que non se quere operar.

Durante a mañá deste mércores, Francisco celebrou a audiencia xeral sen problemas, e o próximo domingo ten prevista a misa do Domingo de Ramos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade