Publicador de contidos
Publicador de contidos

O papa Francisco pide rezar por Bieito XVI: "Está moi enfermo"

O papa Francisco pide rezar por Bieito XVI: "Está moi enfermo"

Francisco pediu así unha "oración especial" polo papa emérito

O Vaticano confirma que nas últimas horas se agravou o estado de saúde de Bieito XVI, pero "a situación polo momento segue baixo control dos médicos"

G24.gal 28/12/2022 10:23 Última actualización 28/12/2022 13:05

O papa pediu rezar por Bieito XVI, de 95 anos, cuxas condicións de saúde son extremadamente débiles, e apuntou que "está moi enfermo". 

Francisco pediu así unha "oración especial" polo papa emérito, "que en silencio sostén a Igrexa". "Está moi enfermo. Pidamos a Deus que o console e apoie no seu testemuño de amor á igrexa ata o final", sinalou o pontífice durante a audiencia xeral deste mércores.

O Vaticano confirmou que nas últimas horas se agravou o estado de saúde de Bieito XVI "polo avance da idade", pero "a situación polo momento segue baixo control dos médicos".

"En canto ás condicións de saúde do papa emérito, por quen o papa Francisco pediu oración ao final da audiencia xeral desta mañá, podo confirmar que nas últimas horas produciuse un agravamento polo avance da idade", informou o director da oficina de prensa do Vaticano, Matteo Bruni. "A situación polo momento segue baixo control, seguida constantemente polos médicos", engadiu.

O alemán Joseph Ratzinger renunciou ao pontificado en febreiro de 2013 e desde entón vive no convento Mater Ecclesiae, no interior da Cidade do Vaticano. A súa saúde, debido á idade, é moi fráxil, pero a súa mente aínda funciona moi ben como explicou en varias declaracións o seu secretario persoal Georg Gänswein.

A última fotografía do emérito publicouna o pasado 1 de decembro a Fundación Joseph Ratzinger, cando o papa emérito recibiu na súa residencia ás dúas personalidades galardoadas co Premio Ratzinger, o biblista francés Michel Fédou e o xurista xudeu Joseph Weiler.

A última fotografía de Bieito XVI publicada o pasado 1 de decembro A última fotografía de Bieito XVI publicada o pasado 1 de decembro

Os últimos meses pasounos en silencio, excepto a inicios de ano, cando tivo que saír ao paso das acusacións de como xestionara algúns casos de sacerdotes acusados de abusos a menores cando era arcebispo de Múnic e que xurdiran no informe redactado pola Igrexa alemá sobre a pederastia.

Nunha histórica declaración pública, Bieito XVI afirmou: "Tiven unha gran responsabilidade na Igrexa católica. Tanto máis grande é a miña dor polos abusos e erros que se produciron durante o tempo do meu mandato nos respectivos lugares".

Bieito XVI, o primeiro papa en renunciar ao pontificado desde tempos de Gregorio XII, a principios do século XV, saíu en moi poucas ocasións dos muros leoninos. Unha vez para visitar ao seu inseparable irmán no hospital e en xuño de 2020 cando viaxou ata Ratisbona para velo de novo poucas semanas antes de que morrese. 

A visita de Bieito XVI a Galicia

O papa Bieito XVI visitou Santiago de Compostela en novembro de 2010. Aquela foi a primeira vez que un Papa peregrinaba a Compostela en Ano Santo. A visita do papa Bieito XVI a Galicia significou un reto de produción sen precedentes na historia dos medios públicos do país. 

A TVG encargouse de producir a imaxe e distribuíla para todas as televisións do mundo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade