Publicador de contidos
Publicador de contidos

O papa será operado hoxe por risco de obstrución intestinal

O papa será operado hoxe por risco de obstrución intestinal

A operación foi considerada de urxencia despois dos resultados do TAC ao que se someteu este martes

G24.gal 07/06/2023 10:59

O papa Francisco será operado hoxe no hospital Gemelli de Roma por risco de obstrución intestinal e terá que estar ingresado durante varios días, informou o Vaticano.

"Ao finalizar a Audiencia Xeral, o papa desprazarase ao Hospital Universitario, onde á primeira hora da tarde será sometido baixo anestesia xeral a unha intervención cirúrxica de laparotomía e cirurxía plástica da parede abdominal con prótese", indicou a Santa Sé nun comunicado.

O Vaticano explicou que "a operación, disposta nos últimos días polo equipo médico que asiste o papa, fíxose necesaria por mor dunha hernia incisional incarcerada que está a provocar síndromes suboclusivas recorrentes, dolorosas e que empeoran".

O pontífice, de 86 anos, "estará ingresado varios días para permitir o curso postoperatorio normal e a recuperación funcional completa”, engadiu a Santa Sé.

A operación foi considerada de urxencia despois dos resultados do TAC ao que se someteu este martes e prodúcese despois da intervención de colon de xullo de 2021.

Nunha recente entrevista coa axencia estadounidense AP, Francisco revelou que tivo que ser operado e que se lle extirpou unha pequena parte do colon, pero que estaba ben de saúde.

Francisco foi operado neste hospital romano o 4 de xullo de 2021 e dado de alta despois de 10 días, aos que seguiu unha lenta recuperación.

Trátase da terceira vez que o papa é ingresado no hospital romano, pois estivo ingresado tres noites a finais de marzo no hospital Gemelli por “unha pulmonía aguda”.

O papa demais sofre o problema do seu xeonllo dereito que lle obriga a andar con bastón ou con cadeira de rodas e asegurou en varias ocasión que non se quere operar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade