O Parlamento de Galicia homenaxea a Bóveda e a todas as vítimas do franquismo
O Parlamento de Galicia homenaxea a Bóveda e a todas as vítimas do franquismo
Partidos e asociacións pola memoria inauguraron unha escultura diante da cámara autonómica
O Parlamento de Galicia conta desde este mércores nos seus xardíns da fachada principal cunha escultura do artista compostelán Cándido Pazos coa que a Cámara galega homenaxea a Alexandre Bóveda e a todas as vítimas do franquismo baixo o nome 'Concordia, paz, liberdade'.
A figura foi descuberta en presenza do presidente do Parlamento, o conselleiro de Cultura e representantes dos tres partidos con representación na Cámara.
O acto deste mércores dá cumprimento ao acordo alcanzado por todos os grupos e impulsado polo BNG no que se encargaba ao Lexislativo galego organizar unha homenaxe ás vítimas galegas do franquismo, contando coa participación das asociacións de memoria histórica e as vítimas.
Tamén unha homenaxe á figura de Alexandre Bóveda, en recoñecemento á súa esencial participación no impulso e aprobación do Estatuto do 36.
No acto en recordo ao ilustre galeguista, fusilado o 17 de agosto de 1936 na Caeira, Poio, o presidente da Cámara explicou que este evento busca reiterar a “firme condena do Parlamento de Galicia fronte á ditadura que durante 40 anos mantivo sometido o noso pobo”.
“Unha condena enérxica que non é nova, na medida en que se suma aos diferentes pronunciamentos desta índole que a Cámara leva efectuando desde hai tempo", lembrou Miguel Santalices.
Na homenaxe interveu Amalia Bóveda, a filla do político e intelectual, que agradeceu este tipo de conmemoracións, ao entender que serven para “lembrar” o sucedido e evitar volver caer nas mesmas situacións. Esta é, dixo, a forma de “ensinar aos vivos”.
Por iso, unha vez máis Amalia Bóveda insistiu en reclamar a institucionalización do Día da Galicia Mártir, o 17 de agosto, como data de homenaxe e recordo a todas as vítimas do fascismo franquista, non só pola figura do seu pai, senón por "o sacrificio de miles de galegas e galegos".