Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aprobada a lei de recursos naturais, a primeira da lexislatura, co voto en contra da oposición

Aprobada a lei de recursos naturais, a primeira da lexislatura, co voto en contra da oposición

Nacionalistas e socialistas coincidiron en votar en contra desta lei, que consideran unha "oportunidade perdida" para regular a explotación de recursos naturais

Os populares defenderon que a lei cumpre o seu obxectivo de "garantir que calquera proxecto de renovables redunde en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación"

O PPdeG rexeita tramitar unha iniciativa para declarar de interese xeral o sector do mar

G24.gal 22/10/2024 08:28 Última actualización 22/10/2024 13:16

O Parlamento aprobou a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, a primeira desta lexislatura, con só o apoio da maioría parlamentaria do PPdeG, xunto co grupo mixto, e o voto en contra da oposición, BNG e PSdeG.

Nacionalistas e socialistas coincidiron, no pleno deste martes, en votar en contra desta lei que consideran unha "oportunidade perdida" para regular en serio a explotación de recursos naturais.

Pero á parte do fondo tamén criticaron a forma. Patricia Iglesias (PSdeG) dixo que máis que rodete o grupo maioritario aplicou "a apisoadora", pois as súas emendas "caeron en saco roto" e "de 34 aceptaron dous que son meramente cosméticas, de estilo", para sacar adiante "unha compilación de temas sen orde que evidencia o que en realidade pretende esta proposta: colocar, en termos de lei a privatización dos nosos recursos naturais".

Cinco de 67 son as que se sumaron dos nacionalistas. Para o BNG o PP pecou de "absolutismo" sen escoitar as enmendas da oposición, nin dos concellos e asociacións, segundo o deputado Xosé Manuel Golpe, quen cualificou a lei como un intento de "greenwashing" ou "tinguir de verde" a falta de política enerxética da Xunta.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, defendeu que a lei cumpre o seu obxectivo de "garantir que calquera proxecto de renovables redundará en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación", á vez que "non mingua unha soa garantía ambiental" para estes proxectos. 

Ante as críticas, Pazos reivindicou as "importantes achegas por parte da sociedade civil", que ilustrou con "67 alegacións incorporadas ao articulado". Pola súa banda, acusou á oposición de querer "eólica sen muíños, minería sen minas e industria sen factorías". "Non existe unha fonte de enerxía que non supoña ningún tipo de impacto ambiental", subliñou.

A comercializadora

En paralelo coa lei aprobada este martes, a Xunta presentou a finais do pasado ano a sociedade mixta Recursos de Galicia, e recentemente tamén deu a coñecer a comercializadora de enerxía coa que pretende rebaixar o custo da luz para empresas e veciños de zonas afectadas por, por exemplo, parques eólicos.

"Nin é pública, nin é social, nin é galega", avisou tallante a deputada do PSdeG Patricia Iglesias, quen, como a continuación o portavoz do BNG no debate, apuntou á posibilidade de que a comercializadora incorra en prácticas contrarias ás normas de competencia -en concreto, referíronse ao dumping ou venda a perdas-.

Na súa quenda, Pazos constatou que "non lles gusta o público-privado" para, a continuación, reprochar á oposición que, con todo, "en cada ocasión que tiveron a oportunidade de gobernar recorreron" a esta fórmula.

Planificación eólica

Tamén foron protagonistas este martes as referencias aos cambios na planificación eólica que o Executivo autonómico pretende a través da lei de acompañamento aos orzamentos de 2025.

Iglesias (PSOE) atribuíu á Xunta unha "autoemenda" da súa política neste ámbito e viu niso unha "mostra dun Goberno do que non se pode un fiar, pola súa incoherencia". Ademais, lembrou que son xa "60 os parques suspendidos" polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

"Chegan tarde, mal e arrastro e mostran un desprezo absoluto do debate parlamentario", incidiu.

Por parte do Bloque, Golpe cargou contra as medidas que contén a lei que sae aprobada, debido a que en opinión do seu grupo "trazan un rumbo cara á destrución do país vestido de beneficios". Son, subliñou, "medidas pensadas para que haxa máis privatización dos recursos e máis discrecionalidade" por parte da Xunta.

Nun contexto de "terceira revolución industrial", o deputado popular Alberto Pazos valorou que Galicia afronta "por primeira vez desde unha posición de privilexio" ao dispoñer de recursos para a xeración de enerxía renovable. "Desaproveitar esa circunstancia constituiría un exercicio de irresponsabilidade", concluíu.

Así mesmo, reiterou que "os proxectos continuarán estando sometidos ás máximas esixencias ambientais" e indicou que "nin unha soa das emendas" da oposición "estaba dirixida a reforzar as garantías ambientais".

Sen intervención da conselleira

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, non tomou a palabra ao termo do debate, como adoita ocorrer cando ten lugar a votación definitiva dun texto legal, e foi despois do segundo punto da orde do día, o relativo a unha iniciativa lexislativa popular, cando o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, indicou á oposición que "se o teñen a ben" interviría durante "tres minutos".

Por parte do BNG, Olalla Rodil comentou que isto sería "unha anomalía absoluta" e dixo que o seu grupo mantense na interpretación "estrita" do regulamento da Cámara.

No mesmo sentido, o portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, considerou que "non procede" e a conselleira "debería renunciar" á súa quenda, por "sentido común e rigor".

O popular Pazos tomou a palabra para destacar que a titular de Economía e Industria, "ademais de voz, ten correo electrónico e solicitou a súa intervención no peche" do debate, pero "por un erro da Presidencia" non tivo a oportunidade de falar.

Foi nese momento cando Santalices preguntou a un letrado da Cámara, quen lle sinale que "non procede". "No futuro faremos uso desta estrita aplicación do regulamento", engadiu o deputado do PP entón.

O PPdeG rexeita tramitar unha iniciativa para declarar de interese xeral o sector do mar

O PPdeG rexeitou este martes admitir a trámite unha iniciativa lexislativa popular tendente a declarar de "interese xeral" o sector do mar, incluído as actividades pesqueiras e marisqueiras tradicionais.

Os deputados do PPdeG votaron en contra desa iniciativa apoiada por máis de 17.800 firmas e impulsada por unha comisión promotora encabezada pola Asociación pola Defensa da Ría de Arousa e que contou co apoio dos parlamentarios do BNG e o PSdeG.

Un portavoz da citada comisión, Xaquín Rubido, defendeu a iniciativa alegando que entre os principais desafíos do sector marítimo figuran o cambio climático e a competencia por espazos marítimos e recursos hídricos, que supoñen unha ameaza para Galicia, a "principal rexión pesqueira de Europa".

O deputado do PPdeG Miguel Fidalgo dixo que o seu partido xa blindou a protección do sector mediante a Lei do Litoral, "unha norma pioneira, que puxo negro sobre branco o carácter estratéxico e prioritario" da pesca e o marisqueo.

A iniciativa lexislativa popular é froito da colaboración de diversos actores do sector marítimo, incluíndo a Federación Galega de Confrarías, as federacións provinciais, o sector bateeiro, asociacións de mulleres do mar, sindicatos e varios concellos da ría de Arousa que insisten na necesidade de que o sector sexa declarado de "interese xeral".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade