O Parlamento Europeo defende reducir ou eliminar o IVE do peixe
O Parlamento Europeo defende reducir ou eliminar o IVE do peixe
En Galicia o sector acolle con satisfacción o apoio de Bruxelas a unha reivindicación histórica
O Parlamento Europeo defende que o IVE dos produtos pesqueiros poida incluso eliminarse. É unha vella reivindicación do sector, que agora recibe o apoio de Bruxelas. Actualmente o IVE do peixe e os seus derivados é do dez por cento. O mesmo que se aplica, por exemplo, ao transporte de viaxeiros, á hostalería ou á vivenda nova.
O sector propoñía que se reducise e quedase nun catro, como o que teñen as froitas frescas ou o pan. O Goberno opoñíase. Agora Bruxelas di que están a favor de reducilo ata incluso o 0 por cento por ser un produto saudable.
Satisfacción no sector
Por dous motivos principais, que son a caída do consumo de peixe, dun 18 % na última década, e a promoción dunha dieta saudable que reduciría, di o sector, o gasto sanitario vencellado ás enfermidades que provoca a mala alimentación.
Ademais do beneficio para toda a cadea de valor, o sector e as administracións consideran que o previsible aumento do consumo de peixe impulsaría unha alimentación máis sostible e saudable.
Rosa Quintana, conselleira do Mar: "Contribuirá a incrementar o consumo do peixe, contribuirá a que teñamos todos unha mellor alimentación e así depender menos da sanidade".
Dentro da Unión Europea, Italia aplica o mesmo 10 %, en Portugal a taxa é do 6 % e en Irlanda e Malta o tipo é 0.