Publicador de contidos
Publicador de contidos

O paro baixa en Galicia en 956 persoas e a Seguridade Social gaña 5.086 afiliados

O paro baixa en Galicia en 956 persoas e a Seguridade Social gaña 5.086 afiliados

En España o desemprego sobe lixeiramente en 2.618 persoas

O Ministerio sinala que o incremento se sitúa "moi por baixo" da media dese mes e salienta que o total de parados en febreiro é o menor desde 2008

G24.gal 02/03/2023 08:56 Última actualización 02/03/2023 12:28

O paro baixou en Galicia en febreiro en 956 persoas, malia a leve repunta experimentada polo desemprego nese mes no Estado. Segundo datos do Ministerio de Traballo, o número de desempregados reduciuse na nosa comunidade autónoma un 0,66 % respecto ao mes anterior, deixando a cifra total de parados en 144.092;  son 10.417 menos que no mesmo mes de 2022.

O paro baixou en todas as provincias; sobre todo en Pontevedra, onde o desemprego caeu en 354 persoas. Por sectores, o desemprego reduciuse especialmente no sector servizos (-842) e na industria (-271).

A Seguridade Social sumou en Galicia 5.086 afiliados de media en febreiro, polo que o número total de afiliados se sitúa en 1.035.824 segundo datos publicados este xoves polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destaca que estamos ante a cifra de parados máis baixa de toda a serie histórica nun mes de febreiro.

En España o paro aumentou "levemente" en 2.618 persoas, moi por baixo da media de febreiro

En España, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego subiu lixeiramente en febreiro en 2.618. O incremento foi de tan só un 0,09 % respecto ao mes anterior, segundo datos publicados este xoves polo Ministerio de Traballo, e veu impulsado pola fin da campaña de rebaixas e polo crecemento do desemprego entre mozos, mulleres e estranxeiros.

Tras a repunta de febreiro, o número total de parados situouse en 2.911.015 desempregados, a menor cifra nun mes de febreiro desde 2008

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, asegura que a suba do desemprego non lle preocupa porque "o paro subiu moito menos que a media" con respecto ao mesmo mes de outros anos, xa que febreiro -explica- é un mes "de transición cara ao modelo de estacionalidade positiva".

A Seguridade Social sumou 88.918 afiliados de media en febreiro, o maior avance do emprego para este mes desde 2015. Segundo os datos publicados este xoves polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, con este crecemento do emprego, que mellora os 67.111 de febreiro do ano pasado, o número de afiliados medios sitúase en 20.170.142.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar