O parque eólico pagará ata o 50 % da factura da luz en San Xoán de Río e A Pobra
O parque eólico pagará ata o 50 % da factura da luz en San Xoán de Río e A Pobra
Os concellos xestionarán as axudas e fixaranse en función do nivel de renda
Doce aeroxeradores formarán o futuro parque eólico Ventumelo. Dez deles estarán no concello de San Xoán de Río, a uns catro quilómetros da capital do municipio, e outros dous no da Pobra de Trives.
"Conseguimos que a empresa poña X cantidade de euros ao ano para pagar a electricidade dos nosos veciños, e por outra parte que, en igualdade de oportunidades, os traballos que xere o parque eólico durante a súa construción e despois para o seu mantemento sexan para persoas do noso concello e da Pobra de Trives, que son os dous concellos afectados por este parque." Xosé Miguel Pérez, alcalde de San Xoán de Río.
Estas axudas, que poden chegar a cubrir ata o 50 % da factura da luz, serán xestionadas polos concellos e fixaranse en función do nivel de renda. Calcúlase que arredor de cen persoas traballarán na construción do parque e unhas seis no seu mantemento posterior.
"Sempre e cando nos beneficiemos de algo... aínda que non todos estarán de acordo, porque a uns vailles molestar, a outros vainos beneficiar se hai uns pequenos descontos, e posto que estamos aquí no rural tamén vexo que postos de traballo non hai, se crean algúns, benvidos".
"A min paréceme ben, e xa que o van facer polo menos que os veciños se aproveiten de algo".
"Claro, se fan o parque que nos dean algún beneficio".
A medida porase en marcha unha vez comece a funcionar o parque eólico.