O PP gobernará en 32 capitais españolas e o PSOE vaino facer en 11
O PP gobernará en 32 capitais españolas e o PSOE vaino facer en 11
Os populares teñen o bastón de mando en catorce urbes con maioría absoluta e os pactos con Vox atinxen a cinco cidades
Os socialistas perden poder no mapa municipal e gobernará en once capitais, entre elas, Barcelona
O socialista Jaume Collboni como alcalde de Barcelona converteuse na principal sorpresa da xornada. Nos últimos días, e este mesmo sábado, dábase case por feita a investidura de Xavier Trias.
Sobre as 4 da tarde, os comúns de Ada Colau anunciaban que votarían a Collboni e que estaban dispostos a pasar á oposición. Era a condición que poñía o PP para darlle o apoio ao candidato socialista e evitar que gobernase un independentista. Cumpriron a palabra e pouco antes das seis da tarde consumábase a elección de Collboni.
Na capital do Estado, en Madrid o guión estaba escrito desde a mesma noite electoral. Martínez-Almeida, do PP, disporá de 4 anos mais á fronte da alcaldía, pero nesta ocasión cunha cómoda maioría absoluta que o exime de pactos de goberno.
"A maioría absoluta non quere dicir que non traballemos cos grupos municipais, que non busquemos puntos de acordo malia as nosas diferenzas. Quero agradecer o discurso que fixo cada voceiro", sinalaba o rexedor madrileño despois de tomar posesión do cargo.
Resumindo, o PP logra a hexemonía municipal ao gobernar en trinta capitais de provincia e mais en Ceuta e Melilla, entre elas, todas as andaluzas. Consegue o mando en catro das cinco cidades máis importantes: ademais de Madrid, en Sevilla, Valencia e Zaragoza.
En catorce urbes chega ao poder pola vía da maioría absoluta, en doce gobernará con maioría simple e en cinco pactou con Vox.
O PSOE perde poder no mapa municipal e gobernará en once capitais. Así e todo, hoxe fíxose con dúas alcaldías case por sorpresa: a xa mencionada de Barcelona e tamén a de Vitoria; nos dous casos co apoio do PP para evitar que gobernen formacións independentistas como Junts e Bildu.