Publicador de contidos

Publicador de contidos

O paseo que afundiu no Marisquiño reabre case catro anos despois

O paseo que afundiu no Marisquiño reabre case catro anos despois

As obras duraron ano e medio e custaron máis de 5 millóns de euros

O porto de Vigo financiou os traballos pero anunciou que lle reclamará o diñeiro ao concello

Representantes de todas as administracións inauguran o paseo
G24.gal 03/05/2022 16:01

Este martes inaugurouse o renovado Paseo das Avenidas, no Porto de Vigo. A infraestrutura volve estar operativa case catro anos despois do seu colapso durante un concerto do festival de cultura urbana O Marisquiño. Un accidente que deixou 400 feridos. 

“É un gran día para o Porto pero tamén para os cidadáns de Vigo porque poñemos á súa disposición 12.500 metros cadrados dun espazo múltiple”, dixo durante a inauguración o presidente da Autoridade Portuaria Jesús Vázquez Almuiña.

O investimento, financiado polo Porto de Vigo, ascendeu a 5,05 millóns de euros.

A superficie acondicionada mide exactamente 12.414 metros cadrados. Consta dun paseo de madeira tropical de 2.601 metros cadrados e dun carril bici de case 600 metros.

Tamén ten seis novas zonas con 40 metros de bancos, catro hamacas, prazas de aparcamento para bicicletas e unha nova iluminación.

O acto de inauguración do novo paseo contou coa presenza de representantes de todas as administracións.

Alí estiveron o vicepresidente primeiro en funcións da Xunta e a delegada en Vigo Alfonso Rueda e Marta Fernández Tapias, a subdelegada do Goberno en Pontevedra Maica Larriba ou a tenente de alcalde do Concello de Vigo Elena Espinosa.

Esta actuación, tal e como destacou Alfonso Rueda, tivo como obxectivo fomentar a mobilidade sostible na fachada marítima da cidade “abrindo a cidade ao mar e achegando o mar á cidade”.

Rueda destacou o feito de que o novo paseo é a primeira imaxe que terán da cidade e de Galicia os miles de turistas que están a chegar á comunidade a través do Porto de Vigo neste ano Xacobeo, entre eles os cruceiristas que fan escala na cidade.

Falta agora acabar de dirimir responsabilidades respecto ao afundimento do paseo, tendo en conta que Concello de Vigo e Autoridade Portuaria se enlearon nunha polémica que acabou nos tribunais, dos que o pasado marzo saíron dúas sentenzas que sinalan ao Goberno local.

Tras coñecerse as sentenzas, Vázquez Almuíña anunciou que Autoridade Portuaria de Vigo esixirá ao Concello o diñeiro que desembolsou por reparar o paseo das Avenidas, mentres que o alcalde da cidade Abel Caballero dixo que a sentenza non era firme e que o concello recorrería ao Supremo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade