O patrón do Villa de Pitanxo rompe o seu silencio
Juan Padín di que fixo todo o que puido para pór a tripulación a salvo, que deu a alerta para que todos subisen a cuberta cos traxes de supervivencia
Os familiares dos falecidos e desaparecidos agardan que a investigación xudicial bote luz sobre o que realmente sucedeu
Un mes despois do afundimento do Villa de Pitanxo, o patrón do barco rompe o seu silencio e fala sobre o sucedido nunha entrevista en exclusiva no xornal Faro de Vigo.
Unha entrevista en exclusiva que sentou mal entre os familiares dos falecidos e desaparecidos, que continúan agardando que o patrón fale con eles para explicar que foi o que pasou.
Juan Padín di que fixo todo o que puido para pór a tripulación a salvo, que deu a alerta para que todos subiran a cuberta cos traxes de supervivencia. Está convencido de que non quedou ninguén no interior do buque e non sabe que puido pasar na segunda balsa, que apareceu intacta e sen ninguén dentro.
Padín afirma que o día do naufraxío o tempo non estaba tan malo. Asegura que a máquina parou antes que o barco escorase e que non entrou o motor auxiliar. A súa versión difire do relato que ofreceu Samuel, ao que acusa de mentir.
Os familiares agardan que a investigación xudicial bote luz sobre o que realmente sucedeu. Para os familiares dos desaparecidos a prioridade é baixar ao barco e descubrir se os corpos están no interior.